Unhas 20 persoas participan no obradoiro de emprego “Chaira Sur II”

Beatriz Mato na visita ao obradoiro de emprego
Un total de 20 persoas desempregadas están a participar no obradoiro de emprego “Chaira Sur II”, impulsado conxuntamente polos concellos de Begonte, Rábade, Guitiriz e Xermade.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, visitou hoxe esta iniciativa, na que o Goberno galego está a investir máis de 175.000 euros. Este programa, que está en marcha desde setembro e que se prolongará ata febreiro, ofrece aos alumnos a posibilidade de acceder a un posto de traballo, ao tempo que reciben formación especializada.
Neste caso, o alumnado estase especializando en operacións de formigón. Ao remate do obradoiro, os participantes obterán un certificado de profesionalidade de validez nacional, que “enriquecerá de forma moi significativa” o currículo de todos eles e que, polo tanto, contribuirá a mellorar a súa empregabilidade.
Outra das vantaxes dos obradoiros de emprego é que permiten a realización de obras ou servizos para a comunidade. Neste ocasión, está posibilitando a mellora, rehabilitación e reforma de edificios públicos dos concellos participantes. En concreto do colexio público Virxe do Corpiño de Begonte, da nave do Servizo Nacional de Produtos Agrarios e do campo de fútbol de Guitiriz, da casa reitoral de Xermade, e do Centro Social de Rábade.
Mato lembrou, ademais, que este obradoiro dá continuidade ao que xa se desenvolveu nos anos 2013-2014 nos mesmos concellos. O primeiro “Chaira Sur” contou tamén con 20 alumnos e un investimento de 175.000 euros, e estaba centrado na especialidade de fábricas de albanelería.
Actualmente, o Goberno galego está financiando en Lugo un total de 13 obradoiros, que benefician a 42 dos 67 concellos cos que conta a provincia, “unha alta porcentaxe grazas a capacidade das entidades locais de presentar propostas conxuntas”, subliñou Mato. Estas iniciativas contan con 263 alumnos e un investimento de 2,3 millóns de euros. En Galicia, o número total de iniciativas ascende a 53, que están beneficiando a 1.300 persoas, e que dispoñen dun orzamento de 9,6 millóns de euros.
A conselleira explicou que en 2015 a orde de obradoiros, publicada en xaneiro, está blindada e permitirá a posta en marcha de novo de 50 programas mixtos. A esta convocatoria súmase este ano unha orde específica de obradoiros para menores de 25 anos, incluída dentro do novo programa de Garantía Xuvenil, e que dispón dun orzamento de 4,7 millóns de euros. Polo tanto, o investimento ascenderá a case 15 millóns, e permitirá a posta en marcha de 70 obradoiros durante este ano.
Colaboración con Begonte
Aproveitando a súa visita a Begonte, Mato recordou que a coordinación entre a administración autonómica e local “é sempre fundamental”. Neste sentido, lembrou que esta cooperación permitiu neste concello a posta en marcha do centro de día do Consorcio, de 30 prazas, e no que se investiron máis de 280.000 euros; a contratación o ano pasado de 4 persoas perceptoras da RISGA; a contratación de 14 traballadores a través da orde de formación dual; ou o investimento de preto de 625.000 euros no Servizo de axuda no Fogar para persoas con dependencia desde 2009.











