Unhas 1.100 persoas participarán no Desfile de Comparsas en Monforte
O Desfile de Comparsas e Disfraces do Martes de Entroido comezará ás 17:00 h. na praza da Estación e percorrerá as rúas Calvo Sotelo e Roberto Baamonde para rematar na praza da Compañía, lugar onde actuará unha orquestra, a partir da chegada da primeira comparsa, e se dará a coñecer a decisión do xurado.
A celebración do desfile terá incidencia na ordenación do tráfico rodado da cidade. Así, a partir das 17:00 h., as rúas antes mencionadas quedarán pechadas á circulación de vehículos, ata que remate o Desfile de Comparsas. Dende a concellería de tráfico tamén se informa que os vehículos estacionados no aparcadoiro do Parque dos Condes non poderán abandonar o citado estacionamento entre as 18:00 e as 20:30 h., e dicir, entre a chegada da primeira comparsa á zona da Compañía e o remate do desfile.
Os participantes no Desfile de Comparsas deberán concentrarse ás 16:00 h. na praza da Estación.
O desfile contará coa participación con dereito a premio de 1.061 persoas. Seguramente esta cifra verase incrementada porque, como sucede habitualmente, haberá comparsas e disfraces individuais que desfilarán fóra de concurso e que elevarán o número final de participantes.
As 1.061 persoas inscritas distribuiranse da seguinte maneira:
Comparsas de máis de 90 compoñentes: 3 (306 persoas)
Comparsas entre 51 e 90 compoñentes: 5 (381 persoas)
Comparsas entre 25 e 50 compoñentes: 4 (161 persoas)
Comparsas entre 4 e 24 compoñentes: 4 (59 persoas)
Individual adulto (de 1 a 3 compoñentes): 12 (19 persoas)
Comparsas infantís: 0
Individuais infantís (de 1 a 4 compoñentes): 2 (5 persoas)
Comparsas de fóra: 5 (130 persoas), procedentes de Sarria, Pantón , Sober, Cereixa (1) e Quiroga-San Clodio.
En total, participarán no desfile 21 comparsas e 14 disfraces individuais.











