Unha vintena de concellos da Coruña colaboran con Xuventude na promoción das vantaxes do carné xove
A Consellería de Traballo e Benestar prorrogará ata finais deste ano o convenio que mantén coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a incorporación das vantaxes do carné xove ás actividades e servizos municipais. O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, mantivo hoxe en Val do Dubra unha xuntanza co alcalde, Camilo Varela, para abordar a cooperación neste eido. Durante a vixencia deste convenio, un total de 50 concellos adheríronse dos que preto de 20 pertencen á provincia da Coruña, entre eles Val do Dubra.
A través deste convenio, a Consellería de Traballo e Benestar comprométese a facilitar ás entidades locais a opción de constituírse en centro expendedor do Carné Xove, achegar a información actualizada sobre este programa, proporcionar asesoramento técnico e difundir a colaboración de cada entidade local que se sume a esta iniciativa, dando visibilidade ao seu compromiso coa mocidade.
Pola súa banda, a Fegamp asume a promoción difusión e potenciación do contido do convenio entre as entidades locais de Galicia para a súa adhesión. Os concellos asumen un desconto aos titulares do carné xove no importe das taxas ou prezos do servizos municipais que prestan, así como nas actividades dirixidas á xuventude que organice ou nas que participe o concello. Para elo deben modificar as ordenanzas municipais ou normativa de aplicación nun prazo máximo de seis meses para que o desconto poida facerse efectivo.
A promoción do carné xove é unha das prioridades da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. Esta iniciativa proporciona aos seus máis de 56.500 usuarios galegos diversas vantaxes, tales como descontos e ofertas especiais nos máis de 2.500 establecementos adheridos ao programa en Galicia e aos do resto de comunidades autónomas e dos 40 países europeos que participan nel.
Ademais, teñen dereito á rebaixa de ata un 25% nas iniciativas que organiza a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, tales como a Campaña de Verán, os programas de mobilidade e de ocio alternativo. Tamén inclúe un seguro gratuíto de viaxe, que cobre calquera continxencia dos mozos nos seus desprazamentos ao estranxeiro.
Voluntariado Xuvenil
Por outra banda, o director xeral de Xuventude e Voluntariado aproveitou a estadía no municipio coruñés para entregar os certificados de participación aos 8 voluntarios xuvenís que desenvolveron en 2014 un proxecto de acción de voluntariado, que desenvolveu Val do Dubra no marco do programa Servizo de Voluntariado Xuvenil e que estivo relacionado con actividades xuvenís e de medio ambiente.