Unha vintena de cativos empezan o curso na Escola Infantil Municipal de San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Trala inauguración oficial da Escola Infantil Municipal do sábado pasado, aos nenos e nenas matriculados tocoulles empezar hoxe o curso. Estes primeiros días serán de toma de contacto co centro, coas mestras e cos seus novos compañeiros e compañeiras. Un proceso de adaptación que durará ata a semana que vén, cando as criaturas xa quedarán soas na escola sen a presenza dos pais e nais. O arranque non puido ser mellor. Case non houbo choros e, segundo as encargadas da escola, a integración está indo segundo o previsto.

A chegada dos nenos e nenas foise producindo de forma escalonada e en pequenos grupos segundo as idades. A intención do equipo educativo é que todos e todas se vaian coñecendo e familiarizando cunhas instalacións nas que xogarán e aprenderán ata o mes de agosto en que remata este primeiro curso da Escola Infantil Municipal de San Sadurniño un tanto atípico pola data de inicio.

Quen mellor empezaron foron, quizais, os meniños e meniñas das unidades de 0 a 1 e de 1 a 2 anos que estiveron acompañados dos seus pais e nais dentro das aulas. As familias deixaron facer ás mestras observando de que maneira se desenvolvían as crianzas movéndose polo novo espazo e empezando a relacionarse coas súas novas amizades. Unha toma de contacto co contorno que se reforzou con xogos cooperativos e con actividades en grupo, como o primeiro mural de pintura de mans no que participaron papás, mamás e cativería.

Na unidade de 2 a 3 anos non houbo tanto rebumbio malia ser onde os pequenos e pequenas botaron máis tempo sen os pais e nais e onde se produciu algún que outro disgusto inicial que o equipo educativo soubo calmar case de inmediato.

Hoxe empezaron a escola un total de 20 nenos e nenas distribuidos case a partes iguais nas unidades de 1 a 2 e de 2 a 3 anos. O centro dispón dun total de 38 prazas que non se cubriron por mor do avanzado do curso. Neste sentido houbo familias que mostraron interese polo servizo pero que preferiron deixar os fillos e fillas noutras escolas onde xa tiñan feita a matrícula, á espera de facer o cambio no curso 2015-2016. O prazos para reserva de praza dos que xa están e de solicitude para novas incorporacións abrirá no mes de marzo.

2 de febreiro de 2015 | 12:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.