Unha exposición itinerante descobre Santiago a través de imaxes nocturnas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press
Presentación da exposición

Presentación da exposición

A biblioteca Ánxel Casal de Santiago acollerá durante este mes a exposición itinerante ‘Un camiño de estrelas á eternidade’, do fotógrafo José Luis Pardo Caeiro, que descobre a cidade de Compostela a través de distintas imaxes nocturnas.

Tanto José Luis Pardo coma o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, participaron este venres na inauguración da mostra fotográfica, coa que o autor pretende facer unha “homenaxe” á súa cidade natal.

Da exposición, Rafael Sánchez destacou a estética das imaxes nocturnas, que achegan unha visión “certamente especial” de Santiago para aqueles afeitos a ver a cidade “chea de xente”.

En particular, o xerente do Xacobeo considera que estas imaxes nocturnas, iluminadas pola luz das propias rúas da zona vella, ofrece unha visión “tranquila” e “acolledora” cargada de “poética”.

Entre outras cuestións, Sánchez agradeceu as referencias presentes ao Camiño de Santiago no propio título da exposición, tanto pola mención ao camiño coma pola dimensión “espiritual”, un elemento “consubstancial da identidade xacobea”.

SACAR A ARTE Á RÚA

O autor, pola súa banda, confiou en que esta exposición poida achegar outra visión da cidade tanto a visitantes coma a composteláns e expresou a súa intención de “sacar a arte á rúa”, fóra das galerías, para achegalo á sociedade.

A maiores, destacou a importancia de que esta exposición se desprace ata outras cidades de Europa e América, coa idea de “difundir a cultura” xacobea “no exterior”.

A exposición, que pode verse na sala de mostras da Biblioteca Ánxel Casal de Santiago, complétase cun catálogo editado por Espazo Cultura Editores que recolle as imaxes deste proxecto.

6 de febreiro de 2015 | 13:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.