Un vogal de CGPJ ve problemas de cargas de traballo en certas áreas dos xulgados da provincia de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+
Europa Press

O vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), Juan Manuel Fernández, e o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Miguel Ángel Cadenas, reuníronse este venres cos xuíces de Pontevedra para expoñer a situación nos xulgados da provincia.

En declaracións aos medios ao concluír a reunión, José Manuel Fernández indicou que a situación da Xustiza en Pontevedra “é boa en termos comparativos” respecto a outros territorios, pero engadiu que “é evidente que hai problemas de carga de traballo en determinadas áreas”.

En concreto, sinalou que a crise determinou que existan ámbitos como é o laboral, os xulgados sociais ou o mercantil, onde a carga de traballo “se incrementou exponencialmente”.

José Manuel Fernández trasladará ao CGPJ a “necesidade de dispoñer de máis xuíces” para atender a esa carga e poder dar unha resposta máis próxima no tempo, “porque se está a prolongar nalgúns casos máis alá do que quixésemos”.

Por outra banda, na reunión abordáronse cuestións estatutarias, propias da carreira xudicial, “nun momento de cambios e incerteza sobre cual vai ser o modelo de Xustiza en España”, dixo o vogal do CGPJ.

“INCERTEZA”

Con “incerteza” referiuse ao modelo de Xustiza que se quere para o século XXI, xa que o actual sistema xudicial é decimonónico e está baseado exclusivamente en partidos xudiciais, “en órganos que traballan dun xeito individual”, e a idea é “ir a formas de traballo colexiadas”, o que se coñece como Tribunais de Instancia.

Un modelo no que se vén traballando e para o que xa se elaboraron diversos borradores, como destacou José Manuel Fernández, indicando que así recollíao tamén no anteproxecto de Lei Orgánica do Poder Xudicial que presentou o anterior ministro Alberto Ruiz Gallardón, e que posteriormente non foi seguido polo novo equipo ministerial.

“Creo que é necesario ese novo modelo de organización que non implica a supresión de todos os partidos xudiciais pero creo que se é necesario deseñalo”, dixo o vogal do CGPJ.

MODELO DE OFICINA XUDICIAL

Por outro lado, José Manuel Fernández referiuse ao modelo de Oficina xudicial. Ao respecto, indicou que “é necesario crear un sistema máis racional de traballo e que optimice os servizos e os recursos que se teñen, sobre todo nun momento de crise económica como o presente”.

Respecto a cuestións concretas sobre onde se necesitan máis órganos ou non, Fernández dixo que hai que ser conscientes de que a creación de novos xulgados comporta un gasto que hoxe en día é moi difícil de asumir”.

Neste sentido, indicou que “o que se hai que facer” é atender as necesidades que se produzan en partidos xudiciais concretos e establecer medidas de reforzo “que por natureza teñen que ser conxunturais”, pero “non persistir no modelo de creación de máis xulgados porque é ineficiente”.

Para o vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial está “claro” que o número de xuíces é “insuficiente”, polo que “hai que aumentalo”, aínda que afirmou que “nestes momentos é difícil saber canto”, explicando que é un traballo que se está a elaborar nestes momentos para determinar as cargas de traballo que son asumibles por cada xuíz.

SUPRESIÓN DE PARTIDOS XUDICIAIS

Juan Manuel Fernández, que foi relator no informe sobre o anteproxecto de Lei Orgánica do Poder Xudicial elaborado polo CGPJ, en concreto encargouse da parte da organización territorial, con tal motivo e “como galego” dixo ser “consciente” do que significan os xulgados en Galicia, polo que destacou que “non todos os partidos xudiciais teñen que ser suprimidos”.

“No informe, e iso é un posicionamento institucional do Consello, viuse claramente un apoio á idea do tribunal de instancia, pero diciamos que a medida proposta formulaba problemas”, declarou Fernández “hai puntos concretos que requiren un tratamento particular e Vigo era un exemplo manifesto diso, pola importancia que ten a cidade”.

Tamén insistiu en que o modelo dos tribunais de instancia “vai ser o futuro”, pero rexeitou aventurar cando vai ser unha realidade.

Dentro da “necesaria homoxeneidade” que José Manuel Fernández entende que debe ter un sistema xudicial, que ten que ser o mesmo para todo o Estado, “debe haber certa versatilidade á hora de acomodarse ás necesidades concretas”, algo que o anteproxecto que se presentou “carecía neste punto”.

“Pero eu insisto, e isto consta dun consenso senón unánime se maioritario en todos os sectores xa non do Poder Xudicial senón de todos os operadores xurídicos, o modelo de organización da xustiza hai que cambialo”, concluíu.

6 de febreiro de 2015 | 19:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.