publicidade hoxe

Un total de 80 expositores participarán no mercado local do domingo en San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O departamento de Cultura, Participación veciñal e Turismo publicou hoxe á mañá o listado cos postos participantes na edición de Entroido do mercado local de San Sadurniño. Unha cita para a que hai 80 inscricións entre pequena produción, artesanía, viveiros e artigos de segunda man. Aproveitando a proximidade do mercado o Concello tamén organizou para a tarde do venres un panel de expertos que falarán sobre as posibilidades da fructicultura como profesión. A xuntanza -aberta ao público- celebrarase na Casa da Cultura a partir das 19 horas.

O mercado terá lugar nos xardíns municipais e as previsións meteorolóxicas indican que haberá nubes e claros durante a mañá polo que, en principio, o tempo xogará a favor do encontro. De novo xuntaranse postos cunha oferta variada. Hai inscritos tres viveiros de planta, 14 de produción e comercialización de alimentos frescos e transformados, 30 de artesanía, 16 de artesanía e artigos de segunda man e 17 que terán exclusivamente antigüidades, obxectos de coleccionismo e outras curiosidades.

A lista de postos inscritos establece distintas horas de entrada no recinto, que se irá enchendo de expositores desde as 7.30 ata as 10h. Deste xeito búscase que a instalación do mercado sexa máis fluída para garantir que a iso das dez da mañá todo estea listo para empezar a recibir visitantes. 

Os mercados xurdiron como unha proposta que axudase a dinamizar o comercio a pequena escala e sen intermediacións de todo tipo de produtos, con especial antención aos de temporada e os excedentes agropecuarios tanto de San Sadurniño como da comarca. Unha filosofía que se segue mantendo malia que os puntos de venda de artesanía e segunda man son maioría. Ademais, o Concello tamén ten como obxectivo que o mercado sexa un atractivo máis para o turismo, de forma que quen veña de fóra aproveite para gozar do territorio e da súa hostalaría.

Panel sobre profesionalización da fructicultura

Como actividade paralela, este venres entre as 19 e as 21.30h. a Casa da Cultura acollerá un panel de persoas relacionadas na súa maioría con experiencias na produción de froita. Achegarán que poden a súa visión sobre cales poden ser as alternativas para a planificación, a produción, a recolla, a comercialización e mesmo a transformación da froita no ámbito territorial do norte de Galicia.

O obxectivo deste panel de expertos é que presenten as súas experiencias e coñecementos, pero tamén que resposten ás preguntas e inquedanzas que o público asistente poida facer, de cara a resolver as dúbidas técnicas ou organizativas que teñan os novos produtores e produtoras ou as persoas que queiran dedicarse de forma profesional á explotación de froiteiras.

O panel estará composto por Henrique Puentes -produtor de mazá e outras froitas ecolóxicas en Ortigueira-, Herminio Valiña -produtor de mazá e uva e elaborador de viño e sidra no Valadouro-, Xosé Antonio Meixide -profesor do CFEA de Guísamo-, Ramiro Martínez -enxeñeiro agrónomo, viveirista e presidente da AGFA do Eume- e, por último, por Bruno Casal, director xerente de Copagro SCG. O panel estará moderado polo Concelleiro de Cultura, Participación veciñal e Turismo, Manolo Varela.

19 de febreiro de 2015 | 20:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.