Un total de 56 pacientes esperan no CHUS por un ril e 40 por un fígado

Europa Press

Un total de 56 pacientes esperan por un ril e 40 por un fígado no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), que pechou 2014 con 63 transplantes, número “idéntico” ao do anterior exercicio, malia que se rexistrou un descenso de doadores efectivos. Tres dos transplantes de ril realizáronse entre vivos. Explicárono este martes a directora de Procesos Asistenciais, Sonia Fernández-Arruti Ferro, e a coordinadora de transplantes do centro, Carmen Rivero, quen explicou que en 2014 houbo 37 posibles doadores no CHUS, aínda que en case un 30 por cento dos casos detectáronse contraindicacions médicas para a doazón.

Entre as causas da contraidicación figuran a existencia dun tumor (36,36%), unha infección (27,27%), pluripatologías (27,27 por cento) ou o descoñecemento dos antecedentes médicos (9,09 por cento).

Á marxe, das 26 entrevistas familiares realizadas, en 7 casos negouse a doazón, é dicir, no 26,9 por cento das entrevistas, unha media lixeiramente inferior á galega.

Entre as causas da negativa, figura a manifestación previa en vida de rexeitamento por parte do falecido, noutros dous casos dubidas da familia sobre a integridade do cadáver, noutra sinalaron “desconfianza” cara ao sistema e noutras dúas, os familiares rexeitaron explicar a razón pola que se negaban.

Finalmente, houbo 19 doadores, pero nun dos casos non houbo receptor compatible para recibir órganos, aínda que si se puideron implantes tecidos, polo que a cifra final de doadores efectivos foi de 18.

Rivero destacou o esforzo por parte dos profesionais para “aproveitar” os órganos e expuxo que se mantivo o número de transplantes malia o descenso de doadores, unha baixada que –remarcou– non se debe a que aumente a negativa das familias, senón á redución de mortes encefálicas no hospital e ao incremento de contraindicacions médicas que desaconsellan o uso dos órganos.

IDADE MEDIA DE 73,8 ANOS

En canto á idade media dos doadores da xerencia compostelana foi de 73,8 anos, case dez máis que a idade media dos doadores galegos. De feito, o doador de menor idade tiña 54 anos e o maior 89. Case o 40 por cento dos doadores tiña máis de 75 anos.

No pasado ano, 12 dos doadores foron homes e seis, mulleres. a causa principal da morte dos doadores foi un accidente cerebrovascular hemorráxico, no 72,22 por cento dos casos. Os traumatismos craneoencefálicos foron a causa da morte no 22,22 por cento dos doadores, ningún deles producido en accidente de tráfico.

Aos 18 doadores efectivos de órganos e tecidos hai que sumar nove doadores solo de tecidos. No 62,5 por cento dos casos puideron doar dous ou máis órganos.

A relación de órganos extraidos no CHUS en 2014 é de 24 riles a doadores falecidos e tres a vivos. Tamén houbo 18 extraccións de fígado, catro de pulmón, 45 de córneas e oito de tecido osteotendinoso.

A media de idade dos doadores hepáticos foi de 67,48 anos, mentres que a dos doadores de ril tiñan unha media de 61,93.

OBXECTIVOS PARA 2015

Para 2015, a coordinadora de transplantes do centro subliñou na necesidade de continuar traballando para conseguir o maior número de doadores posibles e incidiu na importancia de “formar e informar” a profesionais, pacientes e familias.

Tamén se afondará no transplante de ril entre vivos. Non en van, remarcou que en 2014 se realizaron tres con “moi bos resultados”.

Por outra banda, con respecto ás esperas por un transplante, sinalou que habitualmente “non son moi prolongadas” –aludiu a un ano ou pouco máis dun ano– e que a mortalidade en espera é “moi baixa”.

Dende que se iniciou o programa de transplantes en Santiago realizáronse máis de 1.600 transplantes.

24 de febreiro de 2015 | 16:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.