Un psicólogo apunta que Fernández Castiñeiras ten un trastorno de acumulación compulsiva
Unha proba pericial psicolóxica encargada pola defensa do principal acusado do roubo do Códice Calixtino determina que José Manuel Fernández Castiñeiras padece un trastorno de “acumulación compulsiva” e non pode “controlar o impulso de coller cousas”.
Así o asegurou este martes, na novena sesión do xuízo, un psicólogo que tratou o exelectricista nunhas 15 ocasións tras a súa detención e que incorporou un informe pericial á causa.
Para o experto, Fernández Castiñeiras ten un trastorno de “acumulación compulsiva de cousas” das que, despois de collelas, é “incapaz de desfacerse”, e “necesitaba” medicación para tratarse, aínda que á súa chegada á súa consulta “non estaba a tratamento”.
O psicólogo vinculou este tipo de patoloxía ao Trastorno Obsesivo Compulsivo polo “nivel alto de ansiedade” do paciente, aínda que rexeitou que se vincule á cleptomanía ou á Síndrome de Dióxenes, dado que é “máis organizado” neste caso.
“Non se pode controlar, non pode controlar os impulsos de coller cousas”, explicou o perito, para quen a “ansiedade” e a “obsesión” do paciente é “tan elevada” que a “resposta de inhibición” para rexeitar este comportamento “é tan baixa que non é capaz de activarse”.
VIDA “MOI COMPLEXA”
Este trastorno, aclarou o experto, está considerado como unha “das 20 enfermidades máis limitantes”, dado que “moita parte da vida do paciente” ocúpase nestas “obsesións” e xera unha vida “moi complexa”.
“Manuel non é consciente de que ten a enfermidade”, explicou o psicólogo, quen contou que foi a súa muller a que le “obrigou” a ir á súa consulta tras a detención e ao “decatarse de que tiña un problema”.
Na mesma liña do declarado pola súa familia, o experto recoñeceu que Fernández Castiñeiras tiña “unhas dependencias que eran como o seu Santa Sanctorum” no seu domicilio, con acceso “vetado” para a súa muller e fillo e “onde acumulaba”. Entre as súas preferencias, cualificouno como “documentalista”, xa que “o que máis lle atraen é os documentos”.
Aínda que para o psicólogo este trastorno estaba presente dende a “adolescencia” de Castiñeiras, os comportamentos continuaron posteriormente. “Durante a súa estanza en prisión, acumulaba os tickets da cafetaría”, narrou. A maiores, precisa que “colle os obxectos pero non polo valor real que ten, senón por mitigar esta ansiedade”.
Entre outras probas, o psicólogo realizou a Fernández Castiñeiras un test de personalidade, co que puido determinar que o carácter do exelectricista está caracterizado pola falta de empatía e a dureza”. De feito, cualificouno como unha persoa “moi ríxida” e “recta”, á que “non lle gusta que lle leven a contraria”.











