publicidade hoxe

Un lipdub no que participarán numerosos colectivos da sociedade monfortina gravarase este venres

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

Este venres día 13 de febreiro, o Campo da Compañía e o Parque dos Condes serán o escenario da gravación dun “lipdub” de promoción da cidade no que participarán numerosas persoas de diferentes sectores da sociedade monfortina.

O cineasta galego Luis Avilés será o encargado de dirixir este lipdub, mentres que a produción corre a cargo da empresa monfortina Amanita Films.Luis Avilés escribiu e dirixiu a curtametraxe “A Subela”, e a súa primeira longametraxe, “Retornos”, foi premiada no Festival de Valladolid – SEMINCI- e no Festival de Sao Paulo.

Un lipdub ou lip dub (“dobraxe de labios”) é un vídeo musical realizado por un grupo de persoas que sincronizan os seus beizos, xestos e movementos, cunha canción popular ou calquera outra fonte musical. Grávanse nunha única toma (plano secuencia), na que os participantes fan playback (sincronización de labios) mentres soa a música.

Neste lipdub participarán persoas de diferentes colectivos da sociedade monfortina, procurando lograr un retrato da cidade e as súas xentes. Alumnado e profesorado de colexios e IES, traballadores/as da sanidade, ferroviarios, comerciantes, hostaleiros, bombeiros, etc…, protagonizarán esta experiencia músico teatral. Os e as participantes no lipdub están convocados ás 10:30 h no Parque dos Condes.

A duración da rodaxe prolongarase durante tres ou catro horas, e a gravación efectuarase cun dron (vehículo aéreo non tripulado). O equipo técnico responsable do lipdub está integrado por seis profesionais.

A canción que servirá de base para o lipdub será un tema do grupo monfortino Violet Magic Cloud e, durante a gravación, as persoas participantes executarán accións fáciles e relacionadas coa súa actividade.

Unha característica especial deste lipdub é que non será rodado nun plano secuencia, senón que no mesmo aparecerán tomas dos monumentos máis importantes da cidade.

Iván Patiño, responsable da produtora monfortina Amanita Films, destaca a gran implicación da cidadanía nesta experiencia, “trátase de divertirse pasando xuntos unha mañá”, sinala. Patiño, produtor do lipdub, cualifica o mesmo como “un vídeo bailado para facer promoción da cidade”.

O Concello de Monforte patrocina a gravación deste lipdub.

11 de febreiro de 2015 | 13:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.