Un convenio de colaboración permitirá a rehabilitación de 26 vivendas en Ourense
Este venres día 20 de febreiro terá lugar no Salón de Plenos do Concello de Ourense unha sesión extraordinaria de Pleno, na que se elevarán a proposta de aprobación dous puntos. Por unha banda, o convenio de colaboración entre o Concello de Ourense, o IGVS e o Concello de Ourense en materia de actuación dos ARRU do Casco Histórico de Ourense e ARRU do Polvorín, Camelias e A Carballeira; por outra o compromiso de aportación plurianual do Concello de Ourense con destino á execución do proxecto de reforma e rehabilitación da Praza de Abastos da Ponte.
Con respecto ao primeiro punto da orde do día, o Concello de Ourense aportaría 121.759 euros (29,28% do total) no ARRU Casco Histórico de Ourense (13ª fase). Desta financiación, 16.250 euros corresponderían a 2015, e 105.509,85 euros á anualidade 2016. O custe total desta actuación, que inclúe a rehabilitación de 18 vivendas, estímase en 415.837 euros.
No correspondente ao ARRU Polvorín, Camelias e Carballeira (2a fase), o Concello de Ourense aportaría o 56,34% -256.577 euros-, no que se prevé a rehabilitación de 8 vivendas. Á anualidade 2015 corresponderíanlle 7.150 euros, e á 2016, 249.427,55 euros. O total estimado desta actuación é de 455.375 euros.
O convenio distribúe a aportación económica prevista nas catro partes participantes nos proxectos: o Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia, os particulares, e o propio Concello de Ourense.
Financiación do 35% do proxecto da Praza de Abastos
Tamén na sesión de pleno extraordinaria do próximo venres será elevado a aprobación o compromiso de aportación plurianual do Concello para a execución do proxecto de reforma e rehabilitación da Praza de Abastos número 1 de Ourense. Este punto corresponde á solicitude de subvención con cargo á convocatoria de axudas no marco do proxecto do 1,5% cultural do Ministerio de Fomento, cuxo importe total é de 5.619.642,89 euros.
O acordo propón a distribución de anualidades como segue:
– Concello de Ourense (35% do total): 1.966.875.01 euros, en 2016.
– Ministerio de Fomento (65% do total, 3.652.767,88 euros): 1.584.764,82 euros en 2015 e 2.068.003,06 euros en 2016
Con esta proposta, dase resposta a un oficio do Ministerio de Fomento do día 10 de febreiro de 2015, polo que se emplaza ao Concello de Ourense a aportar a documentación necesaria para cumplir cos requisitos establecidos polas bases reguladoras da subvención.











