Últimos días para visitar a exposición ‘Unha mirada sen fronteiras’ en Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

O vindeiro 20 de febreiro finaliza a mostra ‘Unha mirada sen fronteiras’ organizada polo fotógrafo José Luis Montes na Sala de Exposicións de Verín. Esta mostra busca transmitir a visión persoal do autor sobre persoas de outras culturas captadas na súa vida cotiá, así como crear curiosidade no espectador por formas de vivir tan distantes para nós como son as dos árabes, bérberes, cenetes e beduínos que habitan as montañas do Rif, os vales do Atlas o as cidades milenarias de Marrocos e Túnez. Porque, para o autor, o contraste cultural, a ignorancia e o medo ao descoñecido supón, para moitas persoas, unha fortificada fronteira.

José Luis Montes naceu en Salvador de Baía (Brasil). Cando tiña seis anos, os seus pais, emigrantes, retornaron a Carballiño, onde se instalou definitivamente. Autodidacta no ámbito fotográfico, o obxectivo prioritario deste “fotógrafo de rúa”, como se autodefine, é transmitir a vida da xente en paisaxes urbanas e hábitats naturais diversos. José Luis Montes está integrado na Asociación Fotográfica “O Potiños” do Carballiño.

É a segunda mostra da Asociación Fotográfica “O Potiños” no que vai do 2015 na Sala de Exposicións de Verín, tras a de ‘Rodeira Monocolor’, realizada por José Luis Diz. A mesma poderá visitarse no seguinte horario: ata o Xoves de Comadres inclusive e nas xornadas do 19 e 20 de febreiro (das 10 ás 14 e das 17 ás 20.30 horas); o Sábado, Luns e Martes de Entroido de 11 a 15 horas.

Por outra banda, recordar que ese será o mesmo horario de Entroido da Oficina de Información Turística de Verín. As persoas interesadas en recibir información turística sobre o Entroido e as actividades previstas durante o mesmo, ou outras consultas referentes ao municipio, poden realizalas fóra do horario de atención ao público da Oficina de Turismo no establecemento de venda de produtos promocionais do Entroido aberto polo Concello de Verín na praza Maior da localidade (situado no local da antiga Mercería Lomar) . O horario deste establecemento é de 10.30 a 13.30 horas e de 16.30 a 20.30 horas; e no seu interior pódense adquirir artigos como sudadeiras (16 euros), camisetas (8 €), bufandas polares (3,50 €), pañoletas (1 euro) ou chapas (1 €), coa imaxe do Entroido de Verín, declarado festa de Interese Turístico Nacional no ano 2009.

10 de febreiro de 2015 | 17:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.