Últimos días para inscribirse na I Milla Solidaria Anemia de Fanconi en Nigrán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesNigrán
A-
A+

Últimos días para inscribirse na I Milla Solidaria Anemia de Fanconi, cuxo prazo finaliza o próximo mércores 25 de febreiro. O evento celebrarase en Nigrán o próximo sábado 28 de febreiro, coincidindo co Día Mundial de Enfermidades Raras, unha iniciativa solidaria organizada pola Asociación Española de Anemia de Fanconi, en colaboración cos tres concellos da bisbarra, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, entre outros patrocinadores.

A I Milla Anemia de Fanconi é un proxecto totalmente solidario, xa que a organización doará o 100% da recadación da carreira á Asociación Española Anemia de Fanconi, co fin de axudar no labor que realiza esta asociación, como dar a coñecer esta patoloxía, considerada dentro do grupo de enfermidades raras.

En Galicia existen cinco casos diagnosticados de Anemia de Fanconi, todos eles relacionados con familias do Val Miñor, motivo polo cal a organización seleccionou esta localización para a celebración da carreira.

Descrición da carreira

O circuíto situarase na Avda. Castelao, entre a Estrada da Vía e o paseo de Praia América, cun percorrido apto para todas as categorías dende pitufos ata veteranos. A distancia deste oscilará entre os 150 metros e os 1.609 metros -unha milla-, dependendo da categoría a disputar.

As inscricións poderanse formalizar a través da páxina Web de Carreiras Galegas e presencialmente nas instalacións da Piscina Mancomunada do Val Miñor, na Ramallosa e na tenda Deportes Atthletics, na Avda. Balaidos, número 41 (Vigo), antes do mércores 25 de febreiro.

A organización estableceu unha cota de inscrición de 5 euros para as categorías promesa-sénior e veteranos, sendo gratuíta a participación para as categorías menores, dende pitufos ata júnior. Non obstante, debido ao carácter solidario da carreira, as categorías menores poderán efectuar donativos de 1 euro ao formalizar a inscrición, que se destinará integramente á asociación.

Os números serán facilitados pola organización o venres 27 de febreiro de 16.00 a 20.00 horas no Pavillón Municipal de Deportes de Panxón, e o mesmo día da carreira, a partir das 9.30 horas.

Número solidario

Todas aquelas persoas que queiran contribuír coa causa pero que non desexan participar de forma activa na carreira, poderán adquirir o seu número solidario polo mesmo prezo que a inscrición, cinco euros.

23 de febreiro de 2015 | 19:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.