Última xornada do xuízo polo roubo do Códice Calixtino

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

Os informes e as conclusións das partes poñerán este xoves punto e final ao xuízo polo roubo do Códice Calixtino, que se celebra na Audiencia Provincial da Coruña con sede en Santiago e no que están acusados José Manuel Fernández Castiñeiras, a súa muller e o seu fillo.

A causa, que comezou a xulgarse o pasado 19 de xaneiro, quedará vista para sentenza tras 11 xornadas de xuízo nas que compareceron decenas de testemuñas, entre eles numerosos membros da Catedral de Santiago, e cinco peritos.

Tanto o Ministerio Fiscal coma a acusación particular, que exerce a Catedral de Santiago, e a letrada da defensa dos tres acusados, terán posibilidade nesta última xornada de expoñer as súas conclusións e determinar a pena que consideran axustada para os delitos nos que inciden. Ao final, se así o desexan, poderán intervir os acusados.

Na xornada do mércores, dedicada á reprodución de gravacións, a estratexia da defensa baseouse en evidenciar a inocencia tanto do fillo coma da muller de Fernández Castiñeiras. Para iso, a avogada Carmen Ventoso pediu a reprodución en sala das gravacións recollidas na vivenda do Milladoiro e que foron anuladas polo tribunal por vulneración do dereito á intimidade.

Os fragmentos recollen unha discusión entre Fernández Castiñeiras e o seu fillo na que o pai lle recrimina que tocase cousas no seu despacho privado e o fillo o acusa de ocultar cousas. “Non sei o que ocultas aí”, pódese escoitar.

5 de febreiro de 2015 | 10:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.