Tres dos sete equipos da Ximnástica logran medalla no provincial XOGADE de cross

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesPontevedra
A-
A+
Equipos da Sociedade Ximnástica no Xogade

Equipos da Sociedade Ximnástica no Xogade

Fantástico o resultado dos atletas da Escola Municipal de Atletismo, no Campionato Provincial XOGADE de campo a través, con tres dos seus equipos que conseguiron subir ao podio ademais doutros dous podios a nivel individual.

Na primeira carreira da xornada, a cadete feminino, a mellor actuación correspondeu a Adela Ardao e Lucía Cardesín, novena e décima respectivamente, magníficas posicións que axudaron a conseguir a medalla de bronce na clasificación por equipos; os seguintes a subir ao podio foron os rapaces infantís, o mellor foi Pedro Santos, cun estupendo terceiro posto, axudando a conseguir o segundo posto ao equipo pontevedrés, que ademais os clasifica para o Campionato de Galicia.

As últimas medallas foron para as rapazas alevíns, Carolina Santos impúxose na carreira, clasificándose tamén para o autonómico e o resto do equipo non lle andou moi lonxe, conseguindo o terceiro posto na puntuación de conxuntos.

Aínda que non subiron ao podio, o resto de equipos da Ximnástica estiveron moi preto dos postos de honra, os rapaces cadetes foron cuartos; as rapazas infantís e os benxamíns foron quintos e as benxamíns foron sétimas.

A Sociedade Ximnástica levaba bastantes anos sen clasificar os seus atletas para o Campionato de Galicia, o feito de volver á festa autonómica do campo a través, aínda que non é unha prioridade xa que son atletas en formación, é un bo sinal.

7 de febreiro de 2015 | 18:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.