publicidade hoxe

Traxes de Ordes, Oroso e Santiago copan o Concurso de Disfraces de Oroso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+
Entroido Oroso

Entroido Oroso

Máis dun milleiro de veciños e veciñas ateigaron o polideportivo municipal de Sigüeiro para participar no Concurso de Disfraces e gran festa de Entroido do Concello de Oroso, que tivo lugar na tarde noite do sábado. Un polideportivo que centralizou todas as actividades do Entroido orosá, xa que a choiva impediu a celebración do desfile polas rúas de Sigüeiro pero non minguou as gañas de festa dun público que, ademais do concurso, puido disfrutar tamén dunha festa con inchables, animación musical e un chocolate con churros de balde.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, foi o encargado de entregar os máis de 3.000 euros en premios aos gañadores do concurso, no que tomaron parte algo máis de cen persoas. Unha entrega na que estivo acompañado polos concelleiros de Cultura, Antonio Leira; Obras, Eduardo Veiras, e Deportes, Luís Rey.

Premiados

A gran gañadora da noite foi a comparsa “Os Amish”, conformada por veciños e veciñas de Ordes, e levou o premio de 500 euros tras sorprender ao público coa súa carreta de cabalos.. Os finalistas desta categoría tamén chegaron de Ordes: “Os benlavados”, que levaron 300 euros caracterizados como pezas de roupa que entraban na lavadora e se poñían a tender. O premio especial de 150 euros á mellor comparsa de veciños e veciñas de Oroso foi para “As nosas emocións”, toda unha colección de emoticóns do whatsapp protagonizada por veciños de distintas idades.

Na modalidade de grupos, o triunfo e os 350 euros marcharon ata Santiago e “Os Espantallos”. O grupo finalista tamén chegou de Compostela: “Fantasía Marina”, que levou os 220 euros do premio. Finalmente, na modalidade individual, o xurado premiou a un divertido “Erizo” (O Pino) con 250 euros; e á “Estatua da liberdade” (Santiago), con 180 euros.

Categoría infantil

Na categoría infantil, o primeiro premio de 350 euros foi para “Planeta Oroso”, unha comparsa formada por nenos e nenas do municipio. O finalista foi a comparsa “Frozen, unha aventura conxelada” (Ordes), que levou 200 euros. Na modalidade de grupo, os premios quedaron en Oroso coa vitoria de “Os velliños”, que levaron 220 euros. O segundo posto foi para “Carrusel”, que levaron 150 euros. Por último, na modalidade individual triunfou o disfrace “O vello duende” (Santiago), seguido por “Pavo Real Albino” (Arzúa). Nesta modalidade, os premios foron de 180 e 120 euros, respectivamente.

16 de febreiro de 2015 | 19:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.