publicidade hoxe

Traballo investiu 180.000 euros no obradoiro de emprego de Padrenda, Pontedeva e Cortegada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCortegadaLocal PortadaOurensePadrendaPontedeva
A-
A+

A Consellería de Traballo e Benestar destinou preto de 180.000 euros para o desenvolvemento do obradoiro de emprego ‘Ruta dos Muíños II’, que tivo lugar en Padrenda e incluíu tamén aos concellos de Pontedeva e Cortegada, e no que participaron 20 alumnos e alumnas nas especialidades de albanelería e xardinería.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, clausurou hoxe esta iniciativa que ofrece aos participantes un acceso a un posto de traballo e, ao mesmo tempo, “proporciona unha formación teórica e práctica da máxima calidade, vinculada á obtención dun certificado de profesionalidade de validez nacional”.

Segundo indicou Mato, desde 2009 tense financiado actividades formativas e de recoñecemento da experiencia que permitiron que case 50.000 galegos e galegas obtiveran un certificado de profesionalidade. Neste novo ano reforzouse a aposta pola formación ao destinar un total de 66 millóns de euros, un 4,5% máis que o pasado ano, o que vai permitir ofrecer formación a 25.000 novos traballadores e traballadoras durante o 2015, a práctica totalidade das accións vinculadas á obtención dun certificado de profesionalidade.

A titular de Traballo engadiu que, ademais, os obradoiros están ligados á realización de obras ou servizos beneficiosos para a comunidade. No caso do obradoiro ‘Ruta dos Muiños’ acondicionouse o contorno dos monumentos, áreas recreativas e marxes fluviais dos tres concellos participantes.

Mato apuntou que o departamento autonómico vai seguir traballando por abrir novas liñas de colaboración cos municipios, tal como ocorreu o pasado ano coa posta en marcha de forma experimental dun novo programa de formación dual nos concellos que este ano vaise consolidar coa convocatoria dunha nova orde que inclúe uns contratos que están deseñados para menores de 30 anos en situación de desemprego, e que esixen que –como mínimo– o 25% da xornada se dedique á formación.

Nestes momentos, 188 traballadores de 21 concellos e unha mancomunidade están contratados a través da formación dual. A Consellería está a investir 600.000 euros en financiar a parte formativa e incentivar a contratación. A provincia de Ourense engloba preto do 70% das entidades locais beneficiarias (14 municipios e a Mancomunidade de Concellos de Ourense), con 76 contratos e 285.000 euros.

Esta formación dual súmase aos obxectivos que perseguen os obradoiros de emprego. Nos últimos seis meses tense desenvolvidos, 53 por toda Galicia, que contaron cun investimento de máis de 9,6 millóns de euros e beneficiaron a preto de 1.300 galegos e galegas. En concreto, na provincia de Ourense financiáronse 13 obradoiros, nos que participaron 31 concellos, 3 mancomunidades e 263 alumnos, cun investimento de máis de 2,3 millóns de euros.

A responsable de Traballo sinalou que o departamento vai seguir reforzando esta aposta polos obradoiros. En 2015 blíndase a orde anual, o que vai permitir poñer en marcha outros 50 programas mixtos e, ademais, convocouse por primeira vez unha orde para menores de 25 anos, incluída dentro do novo programa de Garantía Xuvenil, que contará cun orzamento de 4,7 millóns de euros. Así pois, en total investirase arredor de 15 millóns de euros na posta en marcha de máis de 70 obradoiros ao longo do presente ano.

16 de febreiro de 2015 | 16:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.