publicidade hoxe

Traballo destinou 180.000 euros para a formación de 20 persoas nun obradoiro de emprego para Miño e Paderne

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMiñoPaderne
A-
A+

Un total de 20 persoas desempregadas participaron desde setembro no obradoiro de emprego de Miño (A Coruña) ‘Parque dos montes galegos’, que tamén inclúe ao concello de Paderne, centrado na especialidade de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes. A iniciativa ofreceu aos alumnos o acceso a un posto de traballo e, ao mesmo tempo, proporcionoulles unha formación teórica e práctica de máxima calidade, vinculada á obtención dun certificado de profesionalidade de validez nacional.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato; acompañada do alcalde de Miño, Jesús Veiga; e do alcalde de Paderne, César Longo; clausurou hoxe esta actividade na que o Goberno galego investiu preto de 180.000 euros. Na súa intervención, Mato subliñou que o certificado de profesionalidade “enriquecerá de forma moi significativa” o currículo de todos os participantes e que, polo tanto, contribuirá a mellorar a súa empregabilidade, tal e como xa o fixo con preto de 50.000 galegos e galegas desde 2009, e que permitirá ofrecer formación a 25.000 novos traballadores durante 2015.

Outra das vantaxes dos obradoiros de emprego é que permiten a realización de obras ou servizos para a comunidade. Nesta ocasión, permitiu a creación dun parque público a carón do Pazo da Fundación Ramos, no concello de Miño, e o axardinamento e mantemento de diversos parques do concello de Paderne.

Beatriz Mato engadiu que se van seguir abrindo novas liñas de colaboración cos municipios, tal e como xa se fixo co novo programa de formación dual nos concellos, uns contratos deseñados para menores de 30 anos en situación de desemprego e que esixen que, como mínimo, o 25% da xornada se dedique á formación. Neste momento, 188 traballadores de 21 concellos e unha mancomunidade están contratados a través da formación dual. A Consellería inviste 600.000 euros en financiar a parte formativa e incentivar a contratación.

A titular do departamento autonómico apuntou que no ano 2014 a Consellería destinou máis de 230.000 euros ao desenvolvemento de diferentes iniciativas relacionadas co emprego no concello de Miño; e máis de 340.000 euros no concello de Paderne, algunhas delas en colaboración con outros concellos.

15 obradoiros na Coruña

Por último, Mato lembrou que nos últimos seis meses desenvolvéronse en toda Galicia 53 obradoiros aos que o Goberno galego destinou 9,6 millóns de euros. Con este financiamento acadouse a participación de 1.300 galegos e galegas. Á provincia da Coruña destináronse 2,8 millóns de euros co que se financiaron 15 obradoiros e participaron 32 concellos e 315 alumnos.

Explicou que en 2015 a orde de obradoiros, publicada en xaneiro, está blindada e permitirá a posta en marcha de novo de 50 programas mixtos. A esta convocatoria súmase este ano unha orde específica de obradoiros para menores de 25 anos, incluída dentro do novo programa de Garantía Xuvenil, e que dispón dun orzamento de 4,7 millóns de euros. Polo tanto, o investimento ascenderá a case 15 millóns, e permitirá a posta en marcha de 70 obradoiros durante este ano.

27 de febreiro de 2015 | 12:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.