Traballo destinou 180.000 euros para a formación de 20 persoas nun obradoiro de emprego en Cambre
Un total de 20 persoas desempregadas participaron desde setembro no obradoiro de emprego de Cambre (A Coruña) centrado en atención sociosanitaria a persoas con dependencia, no que o Goberno galego investiu preto de 180.000 euros.
A directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz, acompañada da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, clausurou hoxe esta iniciativa, que ofrece aos alumnos a posibilidade de acceder a un posto de traballo, ao tempo que reciben formación especializada. Os participantes obterán un certificado de profesionalidade de validez nacional, que “enriquecerá de forma moi significativa” o currículo de todos eles e que, polo tanto, contribuirá a mellorar a súa empregabilidade, segundo indicou a directora xeral.
Outra das vantaxes dos obradoiros de emprego é que permiten a realización de obras ou servizos para a comunidade. Neste ocasión, permitiu a realización de servizos de atención sociosanitaria na institución benéfica Padre Rubinos da Coruña, na residencia de anciáns García Irmáns da congregación relixiosa Irmandiñas dos anciáns desamparados de Betanzos; no centro Pai Menni das Irmás hospitalarias do Sagrado Corazón de Xesús de Betanzos; e na Asociación de pais de persoas con parálise cerebral ASPACE da Coruña.
Nos últimos seis meses desenvolvéronse en toda Galicia 53 obradoiros aos que o Goberno galego destinou 9,6 millóns de euros. Con este financiamento acadouse a participación de 1.300 galegos e galegas. Á provincia da Coruña destináronse 2,8 millóns de euros co que se financiaron 15 obradoiros e participaron 32 concellos e 315 alumnos.
Ana Díaz explicou que en 2015 a orde de obradoiros, publicada en xaneiro, está blindada e permitirá a posta en marcha de novo de 50 programas mixtos. A esta convocatoria súmase este ano unha orde específica de obradoiros para menores de 25 anos, incluída dentro do novo programa de Garantía Xuvenil, e que dispón dun orzamento de 4,7 millóns de euros. Polo tanto, o investimento ascenderá a case 15 millóns, e permitirá a posta en marcha de 70 obradoiros durante este ano.











