Traballadores municipais representan a historia do “triunvirato” do PP en Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press
Representación do "triunvirato"

Representación do “triunvirato”

Decenas de traballadores do Concello de Santiago concentráronse este martes ante as portas da Casa do concello compostelano para reclamar o fin dos recortes e a recuperación de dereitos laborais suprimidos polo Plan de Axuste de 2011.

Para iso, os traballadores convocados por CIG, UGT e CC.OO. realizaron unha ‘performance’ sobre a historia do “triunvirato” do Partido Popular local, recordando aos tres alcaldes que pasaron pola alcaldía na última lexislatura -Gerardo Conde Roa, Ángel Currás e o actual, Agustín Hernández-.

Aproveitando a celebración do martes de Carnaval, os traballadores acudiron ao paro disfrazados tanto destes tres rexedores coma do presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, con caretas e roupas que recordaban á indumentaria dos mandatarios.

Baixo a atenta mirada dun personaxe que representaba a Alberto Núñez Feijóo, os tres rexedores populares pasaron por un improvisado despacho da Alcaldía de Santiago en plena Praza do Obradoiro. Tanto o personaxe de Conde Roa como o que simbolizaba Ángel Currás -que chegou a encadearse ao sillón de rexedor tras ser retirado do cargo polo personaxe de Núñez Feijóo- foron expulsados tras recibir as citacións dun personaxe que representaba a ‘Xustiza’.

CONVENIO COLECTIVO

Con esta representación, tras a que os participantes reclamaron a berros o cumprimento do convenio colectivo dos traballadores, os representantes sindicais quixeron poñer unha “nota de humor” ás súas reclamacións con motivo do Carnaval.

Así o explicou, en declaracións aos medios, Antón Barba, presidente da Xunta de Persoal, que acusou a Agustín Hernández de “mirar para outro lado” ante as súas reclamacións dende a súa chegada á alcaldía.

Barba recordou que os traballadores municipais reclaman “dende hai catro desgraciados anos” a recuperación de dereitos incluídos no seu convenio colectivo e que foron restrinxidos a raíz do Plan de Axuste de 2011.

Non obstante, agora decidiron incrementar as reclamacións despois de que o actual alcalde, que “anunciou que ía traballar para recuperar a normalidade” na casa do concello, apuntase a unha recuperación nas contas do concello. “Continuaremos así mes tras mes ata a véspera das eleccións”, comprometeu Antón Barba.

17 de febreiro de 2015 | 14:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.