publicidade hoxe

Tilintilonia achega o teatro aos bebés en Redondela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioRedondela
A-
A+

A Concellaría de Cultura continúa este domingo o ciclo de teatro para a poboación infantil co espectáculo para bebés, TILINTILONIA.

A compañía O Baúl da tía tola presenta este espectáculo dirixido aos máis peques da casa, dende os 6 meses aos 3 anos.

Componse de estímulos sensoriais, busca a transmisión de sentimentos e emocións, coas que os cativos conectan inmediatamente, e ademais estimula a súa capacidade comunicativa. Os sons, a música, a danza, os monicreques, as texturas e o movemento son as súas ferramentas de traballo, coas que crean un espazo onde experimentar e atopar unha morea de novos estímulos e sensacións.

Tilintilonia é un pequeno planeta habitado por dúas mulleres (Tilín e Tilón, cada unha co seu son). Elas descubrirán un mundo cheo de texturas, cores, sons e fantásticos seres que xorden coa música e onde o vento e a auga convértense en elementos de xogo.

Este espectáculo interactivo ten unha duración de 20-30 minutos, e celebrarase en tres funcións: ás 17, 18 e 19.00 h. A capacidade para cada unha é de 40 persoas.

O prezo da entrada é de 2 € para público infantil e 4 € para público adulto, e pódense mercar dende hoxe no multiúsos da Xunqueira.

26 de febreiro de 2015 | 20:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.