Teo adxudica a través de sorteo público as hortas urbanas en Tras do Eixo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

O Concello de Teo realizaba un sorteo público esta mañá no que se adxudicaban 9 hortas urbanas, situadas nunha parcela municipal na parroquia de Tras do Eixo (Cacheiras). Deste xeito complétase a tramitación administrativa da concesión destas parcelas que dentro de poucos días poderán comezar a traballar as persoas que quedaron como adxudicatarias e que xa se poden consultar na web municipal.

O Concello sacou a concesión de 12 parcelas, das que tres se lles asignan de xeito directo a usuarios/as dos Servizos Sociais. Das outras 9 dispoñibles 3 estaban reservadas para persoas maiores de 65 anos para as que só houbo tres solicitudes polo que cada unha delas obtivo a parcela. Para as seis hortas restantes quedaron 17 solicitudes. No sorteo, celebrado esta mañá no salón de plenos municipal, quedaron determinados os seis adxudicatarios/as e a listaxe de agarda por se algún dos seis primeiros renuncia. Varios dos solicitantes acudiron ao acto público.

Segundo explicou Ignacio Iglesias, concelleiro de Participación Veciñal, nesta mesma semana farase unha reunión coas persoas que van traballar as parcelas para asinar a acta de aceptación e falar da programación do traballo. Dende o Concello vanse facilitar as ferramentas necesaria para comezar co cultivo e tamén se vai dar apoio e asesoramento para poder ter unha horta sostible. Para eso haberá unha persoa especialista dúas horas cada quince días para poder solventar dúbidas ou apoiar nos primeiros meses dos traballo na finca.

Segundo o concelleiro na próxima semana os concesionarios/as poderán tomar posesión da horta. Ignacio Iglesias tamén anunciou que no mes de marzo está previsto sacar unha nova convocatoria de hortas urbanas, nesta ocasión no entorno de Campos de Mirabel, na parroquia de Calo.

2 de febreiro de 2015 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.