Teatro, humor e actividades infantís na fin de semana de Entroido en Ourense
O Auditorio Municipal trae para esta fin de semana unha interesante carteleira que combina teatro de autocoñecemento, humor e actividades infantís. En primeiro lugar, mañá xoves ás 20.30 h correrase o telón para dar cabida á obra de teatro Cuerdas, da compañía Los Lunes. Cuerdas, tráenos unha historia de viaxe, un paso cara ao baleiro, a eses ocos da infancia que buscan encherse na idade adulta, sen éxito. É iso que nos move a obter respostas sen saber exactamente cal é a nosa pregunta. É apenas un reflexo de tres homes únicos.
O venres será a quenda do esperado musical Tarzán. A partir das 19 h, nenos e nenas e maiores poderán gozar cun teatro amable, didáctico que utiliza a arma do humor, os bailes e as cancións para conseguir que o espectador, teña a idade que teña, consiga ver o eterno mito do home da selva e todas as personaxes que o envolven.
Por fin o sábado ás 21 h chega unha das actuacións máis esperadas da temporada da man dos chicos de El Hormiguero, Marrón, Juan e Damián (Trancas e Barrancas), e o seu espectáculo Tres calaveras huecas. Un show que non o veredes na televisión, con novos monólogos, proxeccións e sketchs ao vivo. Un formato novo que aposta pola espontaneidade e o achegamento ao público.
Xa para rematar, o domingo ás 12 h e as 17.30 h comezará o espectáculo de teatro infantil Durme, Roque Durme. Contos e monicreques pensados para os máis pequenos e a súa familia. Un espectáculo, tenro acolledor, emotivo e participativo.
As entradas para as actuacións do Auditorio pódense adquirir en www.servinova.com ou desde dúas horas antes do comezo de cada espectáculo na billeteira do Auditorio.
A maiores, esta semana a Banda Municipal traslada ao domingo ás 12 h na Praza Maior o concerto semanal con motivo do Entroido.











