publicidade hoxe

Servizos Sociais de Ponte Caldelas tramitan as axudas para fillos menores de 3 anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

O Departamento de Servizos Sociais do Concello de Ponte Caldelas tramitirá as prestacións de pagamento único por fillos menores de 3 anos que a Xunta de Galicia establece para o ano 2015, que está fixada nunha cantidade única de 360 euros anuais polo primeiro fillo, 1.200 polo segundo e 2.400 polo terceiro e seguintes. As xestións realizaranse os luns e xoves, de 9:30 a 14 horas nas oficinas municipais e o prazo para poder optar a estas axudas remata o 12 de marzo de 2015.

Estas axudas poderán ser solicitadas por aquelas persoas que teñan o seu cargo fillos menores de 3 anos nacidos entre o 2 de xaneiro de 2012 e o 1 de xaneiro de 2015, ambos os dous incluídos, e que durante o ano 2013 nin elas nin ningunha persoa da unidade familiar estivese obrigada a presentar a declaración do IRPF nin a presentasen de forma voluntaria.

No caso de fillos adoptivos ou acollidos entre o 31 de decembro de 2013 e o 31 de decembro de 2014 a prestación concederase durante os tres anos posteriores á data da resolución xudicial ou administrativa que a declare efectiva.

Os solicitantes deberán entregar no Departamento de Servizos Sociais do Concello de Ponte Caldelas, xunto coa solicitude, fotocopia do Libro de Familia ou certificación literal do nacemento do Rexistro Civil de cada un dos fillos acollidos e copia de sentenza de nulidade, separación ou divorcio e do convenio regulador, se fose o caso. No suposto de adopción ou acollemento deben achegar copia da resolución xudicial ou administrativa que a declare.

Tamén deberán achegar certificado de empadroamento e certificación de conta bancaria.

Para renovar a prestación, deben presentar o certicado de empadroamento e Libro de Familia, sempre e cando non se modificasen as circunstancias persoais, xurídicas e económicas.

3 de febreiro de 2015 | 19:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.