Santiago Futsal busca a segunda vitoria a domicilio
O equipo do Santiago Futsal encóntrase dende esta mañá en terras valencianas, onde disputará mañá ás 20.30 h o encontro da 23ª xornada de Liga no que se mide a Levante UD DM. O Pabellón del Cabañal será escenario deste encontro entre dous equipos que se encontran en postos de permanencia, pero cuxos obxectivos pasan por conseguir a vitoria e asinar a salvación de xeito matemático.
Os de Santiago chegan a este encontro tras asinar un empate e dúas vitorias consecutivas, o que lles permite asentarse na 11ª posición da táboa con 26 puntos, a só 7 dos postos dos Play Off, obxectivo que pasa por lograr resultados positivos nos dous encontros que disputa fóra de Sar esta xornada e a próxima. De conseguir mañá a vitoria en Valencia, os de Santi Valladares encadearían o mellor refacho de resultados da tempada, ao sumar 10 dos 12 puntos posibles nos últimos catro encontros.
Pola súa banda, os de José Escrich, situados na 13ª posición da táboa con 20 puntos, chegan a este encontro tras caer ante Palma Futsal por 3-2 e sumar así, tres derrotas consecutivas.
O conxunto branco sabe da dificultade de puntuar na pista do Levante UD DM, onde os locais asinaron tres vitorias, un empate e catro derrotas, superando ao sexto clasificado Palma Futsal e empatando ante o líder inter Movistar.
Esta é a primeira tempada que o equipo levantino milita en Primeira División, polo que non existen resultados de encontros pasados entre os dous conxuntos, agás o da ida no Multiúsos que se levou Levante UD DM pola mínima (3-4). O balón parado castigou os de Santiago pois o penalti convertido por Jordi Lledó e o tiro de falta que materializou en gol José Revert foron dous dos catro goles que serviron aos levantinos para levarse a vitoria.
A expedición branca que viaxou esta pasada madrugada a Valencia, exercitarase no día de hoxe en sesión de mañá e tarde. O Santiago Futsal viaxou con 12 xogadores e quedou en Santiago o croata Kike debido a un proceso vírico.











