Santi Valladares: “Se xogamos coa intensidade e o ritmo do outro día, podemos gañarlle a calquera”
Esta mañá tivo lugar a rolda de prensa do técnico Santi Valladares e do xogador ‘Gallego’ Rodríguez, previa ao encontro deste venres en Valencia ante Levante UD DM (PM Cabañal, 20.30 h). O conxunto de Santiago desprazarase a terras valencianas para medirse un rival que ocupa o 13º posto de táboa, a seis puntos do Santiago Futsal.
Valladares analizou a vitoria do pasado venres ante Jaén Paraíso Interior no que o equipo xogou co ritmo que se esperaba “Temos que velo como un pequeno subidón. Pequeno, porque é un partido e aínda quedan outros moitos. Pero se lle damos continuidade e xogamos coa intensidade e o ritmo do outro día, podemos gañar a calquera. “
En canto ao encontro deste venres ante Levante UD DM, o técnico dixo “no partido de ida perdemos 3-4 na casa, pero é que perdemos partidos pola mínima case inmerecidamente. Naquel partido descoséronnos a balón parado e temos que ter moito coidado nese tipo de accións. Pero eles na súa casa xogan de forma distinta, nunha cancha na que “semicaeron” equipos como Inter e palma. Eles alí saen a apertar en toda a pista, con xogadores veteranos que manexan todos os aspectos de xogo pola experiencia que teñen. É unha cancha na que sacar puntos é complicado, pero nós chegamos con ese subidón ao que queremos darlle continuidade.
Santiago Futsal mídese un rival que tamén se encontra nos postos de permanencia da táboa, cunha diferenza de 6 puntos. Valladares fixo referencia á igualdade de ambos os dous equipos na clasificación “En xeral somos equipos parellos, malia que nós teñamos 26 puntos e a eles os 20. Malia que eles son un equipo máis veterano e nós máis novel, estamos moi igualados. O partido vaillo levar o que mellor se adapte e o que mellor lea o partido en cada momento. “
O técnico destacou a importancia de sumar esta vitoria fóra de casa, xa que o equipo xoga de visitante dúas xornadas consecutivas “Conseguir os 3 puntos sería outro paso máis de cara ao seguinte partido, que tamén é fóra de casa, contra Aspil Vidal Rivera Navarra. Pero o noso horizonte está en mellorar como equipo e a nivel individual, sen poñernos a facer contas da leiteira que se nos dan moi mal. “
Por último, e en canto á evolución do equipo tras o encontro en Tenerife, o técnico sinalou que o equipo cambiara os adestramentos sendo máis competitivo e intenso “No partido en Tenerife, malia o 1-3, non quedamos convencidos do que fixemos. Reunímonos no vestiario, e a partir de aí o equipo cambiou a rosca e foi outro, xa no primeiro adestramento da semana, máis competitivo e crecendo nos adestramentos. Se a esa dinámica de traballo lle favorecen os bos resultados, seguiremos crecendo”.
O xogador do Santiago Futsal ‘Gallego’ Rodríguez tamén se referiu ao cambio de sensacións no equipo tras a imaxe en Tenerife “Despois do partido ante Uruguai Tenerife todos tiñamos a sensación de que non xogaramos ben, de que non competemos como adoitamos facelo. Volvemos ás nosas bases de adestrar moi forte e a un gran nivel para recuperar boas sensacións. O ambiente do grupo cambiou e collemos confianza de cara ao partido contra Jaén Paraíso Interior, que sabiamos que ía ser duro. Esta semana traballamos igual e imos a Valencia con moitas ganas e con moita ambición de gañar”
De cara ao partido do venres ante Levante UD DM, ‘Gallego’ dixo “Se competimos como o fixemos con Jaén, os posibilidades de puntuar aumentan moito. O partido do venres estará en definir mellor en pequenos detalles en momentos clave. “
Engadiu tamén que “no partido de ida o gañaron a balón parado, pero naquel partido nós non estabamos tan adaptados á competición e por iso manexaron os tempos do partido como quixeron. Eles teñen un equipo veterano e convíñalles un partido longo. Pero neste partido nós imos intentar contrarrestar a súa experiencia e facer un bo partido. “
O xogador arxentino sabe do importante que é establecer unha regularidade nos resultados “Nós queremos buscar regularidade o que queda de tempada e non ter picos. Competir como o fixemos ante Jaén Paraíso Interior ou inter Movistar e non caer no que nos pasou en Tenerife. Tratar de encontrar un equilibrio que, co tempo, traerá bos resultados. “
O conxunto branco partirá esta noite cara a terras valencianas, onde se exercitará mañá en sesión de mañá e tarde. O venres terá lugar o encontro da 23ª xornada de Liga entre Santiago Futsal e Levante UD DM no Pavillón El Cabañal (20.30 h).











