publicidade hoxe

San Sadurniño reúne un panel de expertos para falar sobre a profesionalización da fructicultura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+
Charla de expertos en fructicultura

Charla de expertos en fructicultura

Como aperitivo do mercado local, o Concello organizou o venres á tardiña un panel de expertos que falaron sobre as posibilidades da fructicultura na comarca. Trataron moitos temas distintos, pero todos os participantes na mesa cadraron en que a froita segue sendo a asignatura pendente da nosa produción agraria e que existe un grande futuro para ela se se aposta polas castes autóctonas.

O panel abriu coa intervención de Henrique Puentes, produtor de mazá e outra froita ecolóxica en Ortigueira, quen explicou a súa experiencia neste mundo que para el supón un complemento económico. Dedícase principalmente á mazá e á pera que vende directamente aos puntos de venda. 

Segundo asegurou, a comercialización sen intermediarios e a diversificación das producións para atender as demandas de cada época son claves para poder manter unha actividade profesionalizada que admite máis cultivos cos que aproveitar o terreo, como por exemplo os amorodos. Nas súas plantacións fixo marcos de 1,5×4 metros e explicou que as maciñeiras poden empezar a producir uns 10 quilos de froito tan só cinco anos despois de seren postas na terra. Unha cantidade respectable que pode venderse por entre 1,50 e 2 euros/quilo. Puentes destacou o potencial da froita na zona e sinalou que en Galicia practicamente “non hai nada” en canto a froita de óso -pexegos, claudias, etc- ecolóxica.

De diversificar entende tamén Herminio Valiña, un home que se meteu na froita no momento de retirarse e que en pouco máis dunha década conseguiu poñer en marcha en Lourenzá unha plantación con 3.000 maceiras e 7.000 cepas de viño. Herminio mostrouse convencido de que calquera familia pode vivir con 3 hectáreas de terreo diversificadas e cifrou os rendementos desa superficie -que el dedica a mazá para sidra e uva para producir o seu propio viño- en arredor de 30.000 euros.

O terceiro participante no panel foi Tonecho Meixide. Profesor do CFEA de Guísamo e unha das persoas que máis leva investigado sobre a produción froiteira en Galicia, Meixide repasou a historia dunha actividade para a que faltan profesionais -case todos os que se se formaron en Galicia tiraron polo forestal- e que, nesta zona, medrou nos últimos anos máis como entretemento que cunha visión produtiva orientada ao mercado. O profesor insistiu en que é necesario “crear un contorno favorable” que pasaría pola “culturización” -ao respecto da froita do país- tanto da produción como do consumo. “Ou conseguimos aquí froita de calidade ou sucumbiremos a todo o que nos traen as multinacionais”, asegurou Meixide quen, ademais, puxo un exemplo: “hai froita que pasa por catro intermediarios e que se vende a menos dun euro, e todos ganan cartos”. Porén, segundo suxeriu, antes habería que poñer en valor “moita terra que está abandonada” e apostar non só polos produtos frescos senón tamén polos transformados “onde hai un grande valor engadido”.

Outro dos compoñentes do panel foi Ramiro Martínez. É enxeñeiro agrónomo e puxo en marcha hai máis de vinte anos un viveiro de planta na Capela. Unha actividade que lle serviu para recuperar castes autóctonas de todas as froitas imaxinables. A súa colección conta con máis dun cento de variedades de mazá que case desapareceron coa entrada masiva de patróns foráneos durante os anos 50 e 60. Para el a competitividade futura do sector pasa obrigatoriamente por cultivar “froita de aquí” que, tal e como afirmou, “seguramente sexa valorada polos de fóra”. Martínez -que tamén é presidente da AGFA do Eume- laiouse de que non existan fructicultores e fructicultoras profesionais que coñezan as demandas do público para que, á súa vez, os viveiros vexan a oportunidade e poidan planificar a produción das plantas necesarias para facer medrar a superficie froiteira.

A exposición inicial do panel pechou co xerente de COPAGRO, Bruno Casal, quen explicou que os subprodutos da froita -pulpas, papas resultantes da elaboración de zumes e outros- poden ser moi interesantes para a alimentación gandeira. De feito, segundo Casal, as granxas demandan alimentos baratos e nutritivos que lles axuden a baixar os custes de produción. Un dos máis buscados polas granxas de leite está sendo o bagazo da cervexa. Unha ración de 600 gramos rende o mesmo que 20 quilos de silo de millo. Porén a mazá e outras froitas tamén poden ser reaproveitadas e Casal ofreceu o apoio de COPAGRO para, chegado o momento, intermediar entre a fructicultura e a gandeiría para darlle saída aos subprodutos útiles.

Logo das intervencións do panel de expertos abriu unha quenda de preguntas e tamén de debate na que o público asistente -unhas 20 persoas- puido solventar dúbidas e mostrar o seu punto de vista sobre como desenvolver a fructicultura na comarca. Unha actividade con moitas posibilidades de futuro sempre e cando se consiga estruturar un consumo de proximidade que tire por unha produción sostible desde o punto de vista social e ambiental.

23 de febreiro de 2015 | 13:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.