publicidade hoxe

San Sadurniño levará a pleno proxectos por importe de 207.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Este venres volve haber pleno extraordinario en San Sadurniño e cunha orde do día cargada de asuntos referidos a investimentos e á colaboración tanto con familias como con entidades do municipio. Os máis destacados son a aprobación dos proxectos que se acollerán á liña de créditos do P.A.I. da Deputación da Coruña. Son 207.000 euros cos que se van acondicionar o centro municipal de empresas no edificio anexo e parte da antiga casa consistorial, ademais de reservar parte da axuda para arranxar varias pistas. Por outra banda a corporación tamén abordará as bases das subvencións para Cultura e Deportes deste ano e as referidas á concesión de bolsas escolares, nas que se inclúe unha partida de 8.000 euros para as familias do concello que boten man da Escola Infantil Municipal.

A diferenza doutros programas provinciais, o Plan de Aforro e Investimentos non é unha liña de subvencións senón unha liña de crédito con condicións vantaxosas para os municipios. Trátase dun préstamo a 10 anos, sen xuros e con dous anos de carencia, de maneira que os concellos deberán empezar a volver os cartos a partir do ano 2017. 

O P.A.I. permite destinar os cartos a reducir endebedamento ou, como no caso de San Sadurniño, a facer investimentos. Ao noso concello correspondéronlle 207.000 euros que van ir destinados a tres grandes proxectos. Por unha banda está o acondicionamento interior do último andar do edificio anexo ao Pazo como centro municipal de empresas. Unha iniciativa valorada en algo máis de 69.000 euros coa que o Concello quere poñer a disposición do emprendemento -ou das pequenas empresas xa constituídas- espazos asequibles nos que botar a andar e desenvolver a súa actividade.

Outro dos proxectos centrarase na preparación de parte das oficinas que quedaron libres na antiga Casa do Concello para convertelas nun espazo para a mocidade e a formación. Neste caso investiranse arredor de 84.000 euros en acondicionar 228 metros cadrados de superficie útil que abranguen o vello salón de plenos, o arquivo, as oficinas ocupadas ata agora pola Garda Civil e a antiga oficina de Orientación laboral. No andar baixo prevese construír un local de ensaio con sala de gravación mentres que no superior a intención municipal é deixar lista unha zona de xuntanzas e de formación na que poder organizar obradoiros para a mocidade ou impartir cursos, como por exemplo os relacionados co medio rural.

Por último, os algo máis de 53.000 euros restantes ata completar a contía do P.A.I. irán parar á rede viaria a través dun proxecto co que se asfaltarán preto de 6.5 quilómetros de pistas municipais. Son as de Cadavás, O Seixo e A Fraga na parroquia de Ferreira; a da Chabola, a medio camiño entre Ferreira e Igrexafeita e a que une os lugares da Gándara e a Penavidreira, neste caso entre San Sadurniño e Naraío.

O pleno debaterá este asunto como último punto da orde do día e previa aprobación do correspondente expediente de modificación de créditos que permita incorporar esta nova partida de 207.000 euros aos orzamentos municipais recentemente aprobados.

8.000 euros para as familias do municipio con nenos e nenas na EIM

Previamente a sesión plenaria someterá a debate e votación as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións a entidades culturais e deportivas no presente ano, así como as correspondentes a bolsas escolares que en 2015 incorporan unha partida de 8.000 euros da que se poderán beneficiar as familias do concello usuarias da Escola Infantil Municipal. Estas axudas poderán chegar a un máximo de 1.500 euros por neno ou nena escolarizado no centro sempre e cando se cumpran, entre outros requisitos, o de ter unha renda familiar inferior aos 25.000 euros.

No caso das bolsas para estudos a partida é de 15.000 euros e as axudas poderán ser de ata 200 euros para os estudos obrigatorios e de ata 600 no caso dos postobrigatorios. Os 2.000 euros restantes ata completar un capítulo total de axudas de 25.000 euros reservaranse para casos cunha situación socioeconómica especial que poidan xurdir ao longo do ano.

Para colaborar coas entidades deportivas e culturais do territorio e coas comisións de festas, o Concello reservou 23.500 euros -a maiores dos convenios puntuais con entidades como a ANPA do CPI, o C.F. San Sadurniño ou co Aldebarán de volei-, destinadas na súa maior parte a financiar actividades. As bases de deportes quedan igual que na anterior convocatoria. Porén, no caso das que rexerán as axudas para Cultura, o Concello acordou coas entidades subir a porcentaxe que se poderá xustificar con investimentos en materiais e infraestruturas, que pasa do 13 ao 25% da subvención concedida.

O pleno no que se tratarán todos estes asuntos está convocado para as 19.30h. Ao tratarse dunha sesión extraordinaria, a orde do día non recolle o apartado de rogos e preguntas. Cómpre lembrar que o pleno é aberto ao público e que pouco despois do seu remate estará dispoñible a gravación íntegra a través da plataforma ivoox.

10 de febreiro de 2015 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.