publicidade hoxe

San Sadurniño contratará en breve os traballos de demolición dunha vivenda no Cochón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O alcalde de San Sadurniño, Secundino García, ofreceu esta mañá unha rolda de prensa para informar sobre o cumprimento da sentenza firme que obriga ao municipio a demoler unha vivenda no lugar do Cochón, preto do casco urbano. No mes de xaneiro o Concello recibiu unha providencia do Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ferrol no que se esixe repoñer os terreos ao seu estado orixinal logo de que o TSXG invalidase a licenza de obra concedida no ano 2002. Nesta última comunicación, o xulgado advírtelle ao alcalde da imposición de multas coercitivas e mesmo da esixencia de responsabilidade penal se non se cumpre o mandado no prazo de dous meses. Neste sentido, o alcalde informou que o Concello iniciará de inmediato o procedemento para contratar os traballos de derrubamento do inmoble.

Secundino García mostrouse apesarado por ter que levar a termo a sentenza, habida conta de que “derrubar unha casa é algo que non lle agrada a ninguén”. Unha cuestión “dolorosa” en palabras do alcalde que, sen embargo, non exime ao Concello de ter que cumprir coa legalidade tras máis dunha década de litixios desfavorables. “Non temos máis opción que cumprir a orde xudicial, non podemos debater se queremos ou non queremos cumprila”, asegurou Secundino García quen remarcou, ademais, que ao seu entender -e tamén ao da xustiza- “estamos diante dun asunto que non é un caso de corruptelas urbanísticas, senón un caso dunha licenza mal concedida polo Concello”.

Co obxectivo de “trasladarlle á cidadanía toda a información” o alcalde relatou cronolóxicamente as orixes dun longo proceso xudicial que arranca en 2001 coa solicitude de licenza presentada por Manuel José Lamas e Pilar Nistal para construír unha vivenda nunha parcela situada en terreos da comunidade de propietarios do Cochón, da que formaba parte o propio Lamas e outros catro comuneiros. Daquela a solicitude quedou en espera ante a imposibilidade de conceder a licenza mentres a parcela non dispuxese de comunicación coa vía pública.

A solución adoptada por catro dos comuneiros e polos técnicos municipais foi a de que se lle cedesen ao Concello unha parte dos terreos que se correspondía cos camiños interiores da propiedade conxunta, de forma que, unha vez convertidos en bens públicos, puidese concederse a licenza de obras. A solución materializouse en xullo de 2002 e poucos días despois, mediante unha resolución da alcaldía, deuse a licenza.

Porén, en outubro dese mesmo ano Manuel Arroyo -que tamén formaba parte da comunidade de propietarios- solicita a paralización das obras por consideralas ilegais. Alega, entre outras cuestións, que que a cesión dos camiños non foi por unanimidade da comunidade tal e como esixía a lei posto que el, como copropietario das terras, non estivo de acordo con esa cesión. Un argumento que, á postre, sería decisivo no resultado do proceso xudicial que estaba por chegar.

A partir dese momento e durante os seguintes dez meses prodúcense varias comunicacións entre a administración local e Arroyo nos que dunha banda se insiste na legalidade da licenza -ratificada incluso pola Comisión de Goberno- e da outra se esixe a paralización das obras e a volta dos terreos ao seu estado inicial. Un ir e vir de solicitudes e respostas que finalmente, en setembro de 2003, desembocan na admisión a trámite dun recurso presentado por Manuel Arroyo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ferrol. 

O proceso duraría case tres anos. En febreiro de 2006 o xulgado resolve a favor do demandante anulando a cesión dos camiños e, polo tanto, a concesión posterior da licenza de obra. Aínda así os tribunais non resolven nada ao respecto da posibilidade de legalizar a construción -xa rematada daquela-, polo que desestima a reclamación do demandante de que se derrube a vivenda. Tras esta primeira sentenza Arroyo acode ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que acaba dándolle a razón e en maio de 2008 dítase unha sentenza firme tamén no referido á demolición e devolución da parcela ao seu estado orixinal.

En 2009 o Concello fai unha última tentativa de resolver a cuestión iniciando un expediente de convalidación dos actos administrativos afectados pola sentenza, co que se buscaba regularizar a cesión dos camiños e, en último caso, non ter que levar a cabo a demolición. Esta vía non surtiu efecto e desde ese ano o xulgado envía varias providencias para que se faga efectiva unha sentenza contra a que non cabe apelación algunha. A última comunicación xudicial é do 16 de xaneiro deste mesmo ano e nela advírteselle ao alcalde da imposición de multas coercitivas e mesmo da esixencia de responsabilidades penais que lle puideran corresponder se no prazo de 2 meses non se leva a cabo a demolición.

Así as cousas, agora o único que queda é cumprir a orde xudicial. Un extremo para o que cumpriu agardar á entrada en vigor dos orzamentos municipais como paso previo para a contratación dos traballos de demolición, cifrados pola arquitecta municipal en algo máis de 94.000 euros. Segundo o alcalde, tanto esta contía como o feito de que o Concello se vexa abocado a derruír unha vivenda son razóns suficientes “para depurar as responsabilidades de calquera tipo que puidera haber. Quen non son responsables son os veciños e veciñas de San Sadurniño, que non teñen por que pagar as cousas que estivesen mal feitas”.

6 de febreiro de 2015 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.