San Sadurniño achégalle ao club Aldebarán 15.000 euros para continuar coa promoción do volei no municipio

Sinatura do convenio
O alcalde de San Sadurniño, Secundino García, e o presidente do club de volei Aldebarán, Juan Manuel García, rubricaron esta mañá na Casa do Concello o convenio a través do que a administración local lle achega á entidade un total de 15.000 euros para o desenvolvemento das súas actividades, entre as que se encontra o mantemento das escolas municipais desta disciplina. O clube conta nestes momentos con sete equipos nas distintas categorías das ligas provincial e galega, ademais dunha escuadra disputando a SM2 estatal.
O Aldebarán de voleibol percibirá 15.000 euros para gastos federativos e para o custe de monitoraxe das escolas deportivas desta disciplina de grande raigame en San Sadurniño. O 50% desta cantidade pagaráselle ao clube trala sinatura do convenio, mentres que os 7.500 euros restantes ingresaranse en dous prazos: o primeiro en xullo e o segundo en decembro cadrando coa xustificación dos gastos.
Mediante este convenio o clube comprométese a manter as escolas durante nove meses ao ano e a colaborar coa administración local na promoción e na organización de eventos deportivos. A cambio, ademais da contía reflectida no acordo, o Aldebarán tamén terá un acceso preferente ao pavillón municipal ao tempo que continuará dispoñendo dun local no propio recinto, correndo o Concello cos gastos de mantemento das instalacións.
Entre as escolas e os equipos en competición, o Aldebarán move arredor de 70 deportistas de distintas idades. Hai un equipo alevín mixto na liga provincial, tres equipos femininos -cadete e xuvenil na provincial e sénior na 2ªB galega-, dous na liga autonómica masculina -un xuvenil e outro cadete- e, por último, un equipo competindo na Súper Liga Masculina 2 a nivel estatal.
Este último equipo recibirá no pavillón o próximo sábado a partir das 19.30h. ao Náutico de Boiro, contra quen tentará obter unha victoria necesaria para saír do último posto da táboa de clasificación.











