Rueda destaca na Estrada que a colaboración entre administracións ofrece importantes vantaxes aos cidadáns

Alfonso Rueda na visita ao Concello da Estrada
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou esta mañá o Concello da Estrada, onde se teñen rehabilitado varios parques municipais grazas a unha axuda de case 40.000 euros da Orde de Infraestruturas de uso público. Na visita tamén participaron o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o alcalde da localidade, José López Campos.
A través destas axudas, a Xunta apoia aos concellos galegos para financiar estruturas de uso público, como instalacións deportivas, prazas, paseos, parques infantís ou dependencias municipais onde se prestan servizos administrativos. Ademais, tamén permiten subvencionar actuacións de mellora do alumeado público e pavimentación de vías municipais, obras menos “vistosas” pero fundamentais para a calidade de vida nun concello.
Rueda destacou a importancia da colaboración entre as administracións, neste caso Xunta e Concello, para levar a cabo estes proxectos que benefician aos cidadáns e lles ofrecen un mellor servizo. De feito, xa en 2013 A Estrada recibira outra achega doutros 40.000 euros da Orde de Infraestruturas cos que se construíu un paseo na zona deportiva.
Nesta mesma liña de cooperación, enmárcanse os 200.000 euros que o concello recibiu do Plan de mellora dos camiños municipais ou os 36.000 que lle achegou o Fondo de Compensación Ambiental durante o último trienio para labores de saneamento e abastecemento.
Máis de 70 concellos beneficiados
A Orde de Infraestruturas de uso público é unha ferramenta que o Executivo galego pon á disposición dos concellos para financiar infraestruturas que beneficien directamente aos seus veciños. O ano pasado beneficiáronse destas axudas máis de 70 concellos a través de diversos proxectos.
Neste 2015 a dotación amplíase a dous millóns de euros e serán cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), xa que un dos seus obxectivos é mellorar tamén as condicións de vida das persoas residentes nas áreas rurais e redundar, unha vez máis, na aposta da Xunta polo rural galego.











