Román Rodríguez anuncia a licitación das obras de ampliación do CIFP Carlos Oroza este mesmo ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Román Rodríguez no Campionato de Sumillería Suso Domínguez

Román Rodríguez no Campionato de Sumillería Suso Domínguez

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, participou hoxe na entrega de premios do II Campionato de Sumillería Suso Domínguez, organizado polo CIFP Carlos Oroza, onde anunciou que o seu departamento ten previsto licitar antes do fin deste curso dúas das fases da ampliación deste centro. Deste xeito, o departamento educativo da Xunta de Galicia reforza o seu compromiso cun centro de recoñecido prestixio, un dos primeiros ademais en desenvolver proxectos de FP Dual e integrante da Rede Galega de Formación Profesional de Hostalaría. Así mesmo dáse resposta – en colaboración coa Deputación de Pontevedra, que cede parte dos espazos necesarios para a ampliación- a unha demanda histórica da cidade do Lérez, a través dunha solución construtiva axeitada ás necesidades reais do centro e que non supón o gasto innecesario de propostas anteriores.

O obxectivo da actuación, que suporá un investimento de máis de 1,2 millóns de euros, é dar un mellor servizo aos ciclos das familias profesionais de Hostalería e turismo e Industrias Alimentarias. Para iso, habilitaranse aulas taller nos andares superiores da edificación existente, en concreto taller de lavandería e lencería, taller de recepción, aula de aloxamento, aula de axencia e información turística. Ademais, construirase un edificio de talleres para obradoiro de cociña, taller restaurante, aula de cata, obradoiro de panadería e repostería, obradoiro de pastelería e repostería, e economato.

Segundo explicou o conselleiro, con estas novas actuacións preténdese dar pulo ao excelente capital humano co que conta o CIFP Carlos Oroza, unhas instalacións da máxima calidade coas que seguir avanzando no camiño cara a vangarda e a excelencia. Neste sentido Román Rodríguez agradeceu aos centros participantes no campionato hoxe celebrado o seu traballo e esforzo por conseguir un avance que redundará nun beneficio común, a consolidación da imaxe Galicia polo mundo.

Fortalecemento da rede

O conselleiro sinalou tamén o compromiso do seu departamento co impulso da Rede Galega de Formación Profesional de Hostalaría, buscando actuar tanto sobre a formación do alumnado como no establecemento de sinerxías que permitan ofertar un catálogo máis amplo de servizos ás empresas contratantes, e sobre a empregabilidade dos titulados, coordinando as accións que os centros realicen na creación de bolsas de empreso para os seus titulados, así como para intercambios de alumnado e profesorado.

Para iso, a Rede favorece os contactos entre as escolas que imparten ensinanzas desta familia profesional na Macrorrexión de Rexións do Sudoeste Europeo (RESOE), co fin de fortalecer o intercambio de experiencias, a mobilidade de estudantes e docentes e mesmo competicións como o campionato desenvolvido hoxe, no que participaron centros educativos de Galicia e Portugal.

A información sobre a rede, integrada polos CIFPs Paseo das Pontes, Compostela, Carlos Oroza e Manuel Antonio; e aos IES Sanxillao, Fragas do Eume, de Foz e de Vilamarín, pode consultarse no web http://www.edu.xunta.es/fp/rede-fp-hostalaria .

II Campionato de Sumillería Suso Domínguez

O II Campionato de Sumillería Suso Domínguez contou coa participación dun total de 11 centros, entre os que se contan centros educativos que imparten en Galicia ensinanzas da familia profesional de Hostalaría e turismo, así como a Escola da armada española ESENGRA (Ferrol) e as Escolas de Viana do Castelo e Coimbra. O evento contou co patrocinio da CRDO Ribeiro, o Instituto Galego do Viño, a cadea hostaleira Eurostars Hotusa Hotels, Turismo Rías Baixas e a Deputación de Pontevedra.

Os gañadores desta segunda edición, que terán a oportunidade de recibir bolsas de formación para realizar o Curso de Especialización en Barman Profesional impartido polo Instituto Galego do Viño e estadías de prácticas en hoteis de prestixio da cadea Eurostars Hotusa.

26 de febreiro de 2015 | 18:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.