publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Roi Fernández achega ao Teatro Colón a súa experiencia da emigración na obra ‘Balor na acción dunha cadeira’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaAxenda e Cultura
A-
A+

Artesa Cía. estrea esta fin de semana ‘Balor na acción dunha cadeira’, unha proposta arredor da emigración que abre o Programa de Residencias Técnicas do Teatro Colón. As funcións serán o venres 6 e o sábado 7 ás 20:30 horas. O domingo 8 ás 18:00 horas Ferro Teatro presenta unha versión de ‘El Cascanueces’, na que converten este clásico nunha ópera para nenos.

Balor na acción dunha cadeira’ é un traballo de creación contemporánea a partir da figura do bisavó de Roi Fernández, director da obra. O resultado mestura a ficción coa realidade e a vídeo creación co teatro para achegarnos a historia duns galegos emigrados a New York a comezos do século XX: ‘Eran mariñeiros, fogoneiros que marcharon dunha aldea de Sada en 1910 e no contacto con esa outra cultura comezaron a ter inquedanzas culturais e educativas que os transformaron, e acabaron fundando unha escola laica en Sada’, afirma Roi.

A proposta fala desa transformación a través da intrahistoria, de como os pequenos actos cotiás acaban cambiando a nosa identidade e polo tanto a identidade das xeracións que están por vir. O proceso creativo horizontal, no que ademais do director participaron activamente os actores, basease nos point of view de Anne Bogart, mestra coa que se formou a actriz Laura Villaverde durante a súa estadía en New York. A obra xoga tamén con este paralelismo entre aquela emigración por motivos económicos do bisavó e a que, noventa anos despois, levaría ao seu bisneto á mesma cidade.

Ópera para nenos

O domingo 8 ás 18:00 horas a compañía Ferro Teatro pecha a programación semanal con ‘El Cascanueces’, unha proposta para público familiar. Trátase dunha adaptación a ópera para nenos do conto de Hoffman e da música que compuxo, para o ballet do mesmo nome Tchaikovsky. O obxectivo da proposta é espertar a curiosidade e o interese dos nenos polo bel canto.

Ferro Teatro é unha compañía que xorde da asociación de varios cantantes líricos profesionais de recoñecido prestixio e ampla experiencia. Focalizan o seu traballo nos nenos, conscientes da importancia que isto ten na creación do público futuro. As súas propostas empregan o humor e unha posta en escena fresca e dinámica para difundir valores ás novas xeracións.

As entradas poden adquirirse a través da páxina web do teatro www.teatrocolon.es, en www.servinova.com. No quiosco da Praza de Ourense, en horario de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 e tamén na sede do Centro Sociocultural A Fundación, no Cantón Grande 21/23, de luns a sábado, 9.00 a 21.00 horas. Ademais, no despacho de billetes do propio teatro o mesmo día do espectáculo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a peche.

3 de febreiro de 2015 | 13:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.