publicidade hoxe

Rogelio Martínez comproba as obras de mellora realizadas nos dous centros educativos de Viana do Bolo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseViana do Bolo
A-
A+
Rogelio Martínez na visita a un dos centros de Viana do Bolo

Rogelio Martínez na visita a un dos centros de Viana do Bolo

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitou esta mañá o CEIP Bibei e o IES Carlos Casares, emprazados na localidade ourensá de Viana do Bolo, para comprobar o resultado das obras de mellora realizadas nestes centros de Primaria e Secundaria, respectivamente, e nos que a Consellería de Cultura e Educación ven de investir máis de 34.000 euros.

Rogelio Martínez iniciou a visita no CEIP acompañado pola directora do centro, Francisca Rodríguez, e pola xefa territorial do departamento educativo, Mercedes Gallego. Os traballos consistiron na reforma da instalación eléctrica, a reparación do patio cuberto, e a substitución do depósito de gasóleo, amais da protección da saída do comedor. As referidas actuacións supuxeron un investimento do departamento educativo de máis de 26.000 euros.

Estas obras súmanse ás realizadas en anos anteriores para repoñer o falso teito, construír o muro do cerramento da finca, pavimentar o patio e reparar o sistema de calefacción do CEIP. Deste xeito o investimento total da Consellería en obras de mellora do centro desde 2009 ascende a case 280.000 euros.

IES Carlos Casares

De seguido, Rogelio Martínez trasladouse ao IES Carlos Casares, onde a Xunta ven de investir preto de 8.000 euros nas obras de impermeabilización e reparación de goteiras. Neste centro de educación secundaria, nos últimos cinco anos o departamento educativo tamén executou traballos de reparación da cuberta e da instalacións eléctrica que eleva a achega económica a 38.000 euros. O seu director, Carlos Ferreiro, acompañou ao delegado na súa visita.

Así, o delegado territorial indicou que a Consellería de Cultura e Educación leva investidos nos centros educativos do concello de Viana do Bolo máis de 317.000 euros desde o ano 2005.

Rogelio Martínez subliñou que as melloras realizadas nos centros de ensino da provincia de Ourense demostran o compromiso da Consellería de Educación co benestar da comunidade escolar co fin de que este redunde nunha maior calidade das instalacións educativas.

O delegado territorial anunciou que a Consellería de Educación investirá este ano preto de 580.000 euros nas obras de reforma, ampliación e mellora (RAM) de centros de Primaria e Secundaria ourensáns.

10 de febreiro de 2015 | 17:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.