Rocío Mosquera e José Crespo asinan un acordo para o anteproxecto dun novo centro de saúde en Lalín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal PortadaPontevedra
A-
A+

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, e o alcalde de Lalín, José Crespo, asinaron hoxe un protocolo de cooperación entre a Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e o Concello de Lalín, para iniciar a avaliación dos diferentes modos de financiamento que posibiliten abordar a posta en marcha dun novo centro de saúde, un Punto de Atención Continuada e un Centro de Alta Resolución neste término municipal, co obxecto de acadar unha mellora dos servizos á poboación, así como o incremento da accesibilidade á oferta de servizos sanitarios no concello.

Estas novas instalacións sanitarias, para a que o Concello de Lalín xa ten posto a disposición da Xunta os terreos que puideran ser precisos, cunha superficie de ao redor dos 17.000 m2, terán un ámbito supramunicipal, dando cobertura a 6 concellos desta comarca, atendendo unha poboación de máis de 37.000 habitantes.

Tanto a Consellería de Sanidade como o Concello consideran de interese abordar un estudo de viabilidade, a través do correspondente programa funcional, coa fin de valorar as necesidades e accións a desenvolver. Dito programa funcional abranguerá aspectos tales como o ámbito poboacional potencialmente atinxido, o impacto socio-económico, as actuacións mínimas necesarias e infraestruturas esenciais, as distribucións competenciais e actuacións conxuntas e, ademais, as fases de desenvolvemento. A tal efecto, constituirase un grupo de traballo composto por dous representantes de cada unha das partes asinantes.

A titular da carteira sanitaria do Executivo galego dixo que o CAR impulsará a máxima cooperación co hospital de referencia, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, e cos outros centros de saúde do seu ámbito de influencia, de xeito que se garanta o maior nivel de continuidade na atención sanitaria e faciliten maior capacidade de resolución a eses centros de saúde.

No acto estiveron presentes, así mesmo, o delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores; o xerente de Xestión Integrada de Santiago, Luis Verde; e a xefa territorial de Sanidade, Ángeles Feijoo-Montenegro.

24 de febreiro de 2015 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.