Rías Baixas foi a denominación de orixe galega máis referida pola prensa durante o 2014

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A D.O. Rías Baixas foi a Denominación de Orixe galega máis referida pola prensa durante o pasado ano 2014. Así o demostra a auditoría externa elaborada pola consultora Castro Galiciana para o Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas cun pormenorizado estudo para coñecer o seu impacto mediático en España. Os resultados baséanse na monitorización de máis de 25.000 noticias do sector do viño, que se publicaron en 98 diarios e 65 revisitas, con máis de 300 edicións territoriais.

Da devandita auditoría despréndese que o 7,3% do total dos contidos non publicitarios difundidos sobre o sector do viño se centraron na D.O. Rías Baixas. Con este resultado, superouse a máis dun centenar de denominacións españolas, quedando só por detrás das Denominacións Rioja, Cava e Ribera del Duero.

En termos xerais, foron 78 diarios e 21 revistas os que publicaron o pasado ano máis de 1.300 noticias, catas e comentarios sobre as actividades do CRDO Rías Baixas, as súas adegas asociadas e os seus viños. Estes datos convértena na cuarta Denominación de Orixe de España máis referida pola prensa.

Foron 196 os autores que asinaron noticias e comentarios sobre a Denominación de Orixe Rías Baixas, 106 adegas e 147 marcas de viño as mencionadas nos artigos. Ademais das críticas enolóxicas, a temática tratada na prensa centrouse en asuntos relativos ás exportacións e vendas no mercado interior, participación en eventos, recepción de galardóns e xestión e actividades desenvolvidas polo propio Consello Regulador e polos seus voceiros.

Dentro de Galicia, a D.O. Rías Baixas ocupou nos medios escritos un 25,29% do total do impacto informativo. Esta cifra case cuadriplica a media nacional. A penetración mediática dos distintos actores do viño mediuse a través de parámetros como a superficie ocupada polas noticias e os exemplares que vende cada cabeceira, de acordo co OJD-Introl.

Presenza en Redes Sociais

Tamén positiva foi a evolución nos últimos anos da presenza en Redes Sociais (RRSS) do CRDO Rías Baixas. Facebook e Twitter son as dúas principais RRSS que o Consello Regulador utiliza para dar a coñecer tanto as súas múltiples actividades coma artigos ou temas relacionados co mundo do viño e a viticultura.

A aceptación por parte dos netizens resulta patente a teor do progresivo aumento no número de seguidores nos últimos tres anos. No caso de Facebook, a rede social máis utilizada, case se duplicou o número de seguidores entre os anos 2012 e 2014, pasando dos 18.751 aos preto de 37.000 que rexistra actualmente. Estes resultados poñen á Denominación de Origen Rías Baixas por diante doutras denominacións como Ribera del Duero, Rueda ou Penedés.

No caso de Twitter, o perfil do CRDO Rías Baixas incrementou nun 70% o número de seguidores pasando dos 1.400 rexistrados a finais do pasado ano 2012 aos máis de 4.500 que ten na actualidade. Esta rede social será a que máis se intente potenciar este ano, dado o alto impacto que ten na comunidade virtual e promovendo tuits e debates nos que se fale do Consello Regulador e dos viños da D.O. Rías Baixas.

Conscientes da importancia e o poder das imaxes, dende o CRDO Rías Baixas tamén contan con presenza noutras RRSS centradas neste aspecto. Tanto Pinterest coma Flickr contan con fotografías en alta calidade tanto das actividades de promoción desenvolvidas polo Consello Regulador coma de instantáneas das distintas adegas e viños amparados. Os incrementos en contidos compartidos a través delas varían entre un 67%, no primeiro caso, e un 101%, no segundo.

Dende a D.O. Rías Baixas seguirase traballando no mantemento e ampliación de diversas comunidades virtuais co fin de promover os viños amparados e as adegas e viticultores que os elaboran. Neste sentido, darase un paso máis na posta en marcha de diversas accións on-line que sirvan para implicar prescriptores especialistas no mundo vitivinícola.

5 de febreiro de 2015 | 13:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.