Rexístrase na Xunta o PXOM de Carballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

O Concello vén de remitirlle hoxe á Secretaría Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia a documentación do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo que foi rexistrado ao longo da mañá nas dependencias autonómicas e que supuxo a entrega de 20 arquivadores A-Z, oito caixas e 30 quilos de documentación elaborada e tramitada dende hai máis de dez anos. O PXOM foi aprobado provisionalmente por unanimidade nun pleno extraordinario de pouco máis dunha hora de duración celebrado o luns 2 de febreiro, mais agora é a Xunta a que ten que ditaminar a aprobación definitiva do planeamento.

Segundo explican os técnicos municipais, a Secretaría Xeral de Urbanismo ten un mes para comprobar a integridade documental do PXOM, é dicir, para revisar se falta algún expediente ou algún trámite. Tamén poden determinar se hai que realizar algunha emenda ou modificación que lle notificarán a administración local. Unha vez o Concello cumpra con estes últimos requirimentos, a Xunta contará cun prazo máximo de tres meses para emitir o seu ditame. De non pronunciarse nese prazo, o PXOM entenderíase tacitamente aprobado por silencio administrativo positivo. Porén, en caso de emitirse unha resolución, hai catro posibilidades. Pode ditaminarse a aprobación ou o rexeitamento do PXOM, unha aprobación parcial ou unha aprobación con condicións.

En todo caso, dende hoxe comeza a conta atrás para conseguir que o Concello deixe de rexerse polas normas subsidiarias dos anos 80, en vigor dende a ratificación en novembro de 2011 da anulación por sentenza de 2007 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) do PXOM de maio de 2003.

10 de febreiro de 2015 | 18:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.