Rafa Luz: “Contra a Valencia Basket Club necesitamos o mesmo ambiente”
O xogador do Rio Natura Monbus Obradoiro, Rafa Luz, foi incluído no Mellor Quinteto da Liga Endesa da décimonovena xornada, representando o valor da xenerosidade.
O xogador, autor de nove asistencias no partido en Sar contra o Herbalife Gran Canaria, agradece o recoñecemento: Estou moi contento, sobre todo ao provir o recoñecemento da miña faceta de asistente, algo que moitas veces é máis satisfactorio que anotar”. Non se lle esquece que agora lle tocará levar ao vestiario unha merenda, como marca a tradición do equipo ante este tipo de noticias:” Ocorreráseme algo que sorprenda aos meus compañeiros”, chancea.
O director do Rio Natua Monbus Obradoiro volve hoxe mesmo ao traballo xunto aos seus compañeiros, pensando xa no partido fronte á Valencia Basket (sábado 7, 20.00 horas) que o club compostelán volverá xogar como local. “Será un partido moi duro no que teremos que empregarnos ao 100% para estar á altura, pero imos facelo, afirma. Ademais, recorda a importancia do público neste tipo de encontros: “Ante Herbalife Gran Canaria a afección estivo tremenda e sen dúbida ten unha parte da vitoria. Necesitamos polo menos o mesmo ambiente ante a Valencia Basket”, concluíu o base hispano-brasileiro.
O prezo das entradas para este encontro é de 25 euros en Fondos e Tribunas 2, 29 euros en Tribunas 1 e 35 euros en Tribunas Retráctiles. Terán Prezos Reducidos os menores de 18 anos, estudantes menores de 25, maiores de 65, parados de longa duración ou federados do baloncesto, que poderán adquirir pases a 19 euros en Fondos e Tribunas 2 ou a 25 euros en Tribunas 1.
As entradas pódense adquirir dende xa mesmo a través da páxina web do club (www.obradoirocab.com) ou nas oficinas deste, situadas no Multiúsos Fontes do Sar e con horario de 10.00 a 12.00 e de 17.00 a 20.00 horas.











