publicidade hoxe

Quico Cadaval e Celso Sanmartín xuntos no espectáculo “Os contos de Joselín” en Redondela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioRedondela
A-
A+

Este sábado, 7 de febreiro de 2015, ás 20.00 h, o Centro Recreativo de Redondela acolle o espectáculo “Os contos de Joselín”. Trátase dun espectáculo que provoca o riso a todos os públicos, de calquera idade, no que aparecen historias de mortos, de caciques, de curas, de personaxes singulares… que chegan da man de dous grandes contadores galegos: Quico Cadaval e Celso F. Sanmartín.

Estes dous contadores volven os ollos á tradición dos contacontos a través dun teatro de actualidade, lúdico, crítico e aberto á interacción co público, e aproveitan a figura do narrador galego de máis éxito de todo o século XX: Joselín.

José Rodríguez Vicente, Joselín, é o protagonista dos primeiros documentos sonoros do teatro galego (1929-1954). Foi un home versátil e contraditorio, que tivo o seu maior momento de popularidade de 1929 a 1932, en Galicia, e xa nos anos 30, na Arxentina.

Admirado polos galeguistas republicanos e condecorado polas ditaduras, converteuse en ídolo de masas en Buenos Aires, foi guionista de cine en Madrid, e converteuse en supervendas discográfico en Galiza, España e Arxentina, cos seus vinte e tres ‘contos galegos’ gravados. A súa descuberta chegou hai uns meses cunha edición de aCentral Folque da súa obra gravada completa, editada nun libro-CD titulado Os contos de Joselín. José Rodríguez de Vicente. Primeiros documentos sonoros do teatro galego (1929-1954).

Cadaval e Celso conseguen fundir as súas narracións coa súa capacidade de improvisación narrativa nun espectáculo no que evocan a Joselín, nas súas facetas de contador e cantador de historias, e no que se achegan a temas de actualidade e interactúan co público. Ademais no espectáculo ofrecen tamén unha proxección de imaxes históricas de Joselín, e a oportunidade de oír un conto gravado na súa voz.

Quico Cadaval é un actor, director e adaptador teatral, impulsor do movemento de contacontos xurdido en Galicia na década dos noventa. Comezou nos anos sesenta na interpretación teatral co Centro Dramático Galego e a mediados dos oitenta fundou a súa propia compañía, “O Moucho Clerc”. Traballou en diferentes producións da televisión autonómica galega, así como en curtas e longametraxes, e na actualidade continúa vencellado ao audiovisual como actor e como guionista.

Celso F. Sanmartín é un contador de contos e historias de tradición oral, que continúa co movemento xurdido en Galicia nos anos noventa. Os seus contos beben directamente da tradición oral da súa comarca natal, o Deza, dun xeito orixinal e auténtico, que o converte nun referente neste estilo. As súas historias son xenuínas e chegan do máis fondo da sabedoría popular, desa transmisión oral que nos identifica como pobo.

As entradas para o espectáculo (5 € / 3 € para estudantes e xubiladas), están á venda no multiúsos da Xunqueira dende o xoves 5 de febreiro, e o mesmo sábado estarán á venda no Centro Recreativo de Redondela dende dúas horas antes á función.

6 de febreiro de 2015 | 11:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.