publicidade hoxe

Preséntase oficialmente o Portal Oficial do XXV aniversario da Festa do Polbo de Mugardos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMugardos
A-
A+

Onte, martes, 10 de febreiro, o Concello de Mugardos presentou oficialmente o Portal do XXV aniversario da Festa do Polbo. O acto tivo lugar ás 19:00 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello, onde se realizou unha reseña sobre o interese deste recurso para a dinamización da festa e da vila en xeral.

O novo portal nace co obxectivo de contribuir a unha meirande difusión e dinamización deste acontecemento tan significativo para a vila. Dende o mesmo poderase acceder a unha ampla información sobre o carácter mariñeiro de Mugardos e a importancia que a pesca e o marisqueo ten para a poboación.

Asemade, a posibilidade de consulta en tres idiomas e participación dende calquera lugar e dispositivo contribuirá a facer máis atractivo este concello para veciños e veciñas, visitantes e turistas. O novo portal xa está activo e pode visitarse dende onte en www.festadopolbodemugardos.gal.

O Caixón das Palabras do Mar, un apartado de valor incalculable Sen dúbida este é un portal orientado á participación cidadá, tendendo varias pontes entre a cidadanía e o concello, coa finalidade de unir as súas forzas na conservación da historia da Festa do Polbo e da cultura mugardesa, que indudablemente xira arredor do mar. Os visitantes á web poderán participar enviando imaxes e documentación relacionada directamente coa Festa do Polbo, que será incorporada ao Arquivo do portal, quedando accesibles a todo o público xunto co nome da persoa que os achega. Coas achegas de todos e todas, o portal convertirase nunha auténtica memoria dixital da festa.

Mención aparte merece o Caixón das Palabras do Mar, un espazo tamén aberto ás achegas dos mugardeses e mugardesas, co que se pretende pór en valor a riquexa léxica existente arredor da cultura mariñeira, facendo especial fincapé na cultura local. As palabras que enchen este caixón, preséntanse acompañadas dunha imaxe e dunha definición en palabras da persoa que realiza a achega, para que se consiga entender ben o concepto ao que se refire.

O Concello de Mugardos renovou a súa confianza na empresa Sdweb Innovative Digital Solutions (www.sdweb.es), contando de novo con ella para a realización deste portal, seguindo a liña de colaboración iniciada co deseño e xestión da web municipal (www.concellodemugardos.gal)

11 de febreiro de 2015 | 20:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.