Povisa realizará trasplantes de córnea
O Hospital Povisa completou os trámites administrativos para comezar a operar como centro extractor e de implantación de tecidos oculares. Así, o hospital poderá levar a cabo de forma inmediata tanto transplantes de córnea como de membrana amniótica.
Tal e como marcan os protocolos, as extraccións de córnea levaranse a cabo no hospital aos doadores falecidos, e serán enviadas ao Banco de Ollos da Coruña, dende onde se distribúen aos centros sanitarios de Galicia. O Banco de Ollos da Coruña coordina tamén os envíos de membrana amniótica, extraida nos partos con cesáreas programadas.
O transplante de córnea ou queratoplastia utilízase nos casos de perda ou diminución da agudeza visual por alteración na transparencia, e en adelgazamentos severos ou perforacións corneais. O de membrana amniótica, no caso de patoloxías inflamatorias da superficie ocular.











