publicidade hoxe

Portos de Galicia impulsará a chegada ao porto de Cabo de Cruz de grandes catamaráns estranxeiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoiroLocal Portada
A-
A+
Vista do presidente da entidade ao Porto de Cabo de Cruz

Vista do presidente da entidade ao Porto de Cabo de Cruz

Portos de Galicia impulsará a chegada de grandes catamaráns estranxeiros ao porto de Cabo de Cruz, no municipio coruñés de Boiro. Así o confirmou esta mañá o presidente do ente público, José Juan Durán, nunha visita á dársena deportiva na que o club náutico habilitará nos vindeiros días unha nova marina seca.

Durán Hermida constatou o inminente inicio dos traballos cos que o clube reforzará as instalacións e a oferta de servizos e comprometeuse a promocionar a nivel internacional as novas posibilidades de mercado que abre esta actuación. Non en van, Portos de Galicia está a manter contactos con firmas estranxeiras que teñen mostrado o seu interese por achegar grandes catamaráns aos portos autonómicos galegos, tanto en ruta como para hibernada, unha posibilidade que se reforza en Cabo de Cruz coa nova mariña seca.

O presidente de Portos de Galicia destacou o esforzo conxunto que a Administración Pública e as entidades privadas, nomeadamente o Club Náutico Boiro, están a realizar para o aproveitamento mercantil das instalacións náuticas e a apertura de novos mercados. Este traballo, que se ten demostrado tamén a través da participación conxunta en eventos náuticos de ámbito internacional, está a dar os seus resultados nos últimos exercicios. Neste sentido, cómpre lembrar que o porto de Cabo de Cruz, tras a súa promoción en citas europeas como o Salón Nautico de París ou La Rochelle, en Francia, experimentou o maior crecemento porcentual en número de tránsitos recibidos durante o pasado ano en toda Galicia. En total, en 2014 chegaron a Cabo de Cruz un total de 283 embarcacións en tránsito, o que supón un incremento interanual do 160%.

Para continuar na liña dos bos resultados obtidos no último exercicio pola dársena de Cabo de Cruz, Portos de Galicia comprometeu o seu apoio á apertura de novas vías de negocio para esta instalación. Para este fin, impulsarase non só a chegada de grandes catamaráns, que redundará nun incremento do sector auxiliar da náutica e o sector servizos do municipio, dado o alto número de tripulantes e pasaxeiros que viaxan neles, senón tamén de rallies náuticos. Trátase dunha actividade na que pequenas flotillas de entre 20 ou 30 embarcacións desenvolven unha expedición de navegación en grupo e para as que o porto boirense resultaría un enclave estratéxico xeograficamente para a parada durante a ruta.

17 de febreiro de 2015 | 20:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.