publicidade hoxe

Ponte Caldelas súmase á celebración do Día de Rosalía de Castro cun recital poético e musical

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

O Concello de Ponte Caldelas súmase á celebración do Día de Rosalía de Castro coa celebración dun recital poético e musical organizado pola Biblioteca Municipal e no que participarán un grupo de nenas, adultos e o grupo musical “Laranxada de Limón” que interpretarán diversos poemas musicados da recoñecida escritora galega.

Este evento cultural, que terá lugar mañá mércores día 25 de febreiro, a partir das 19 horas, no Salón de Actos do Centro Cultural de Ponte Caldelas, enmárcase tamén dentro da proposta do “Calendario do libro e da lectura” da Xunta de Galicia.

Os protagonistas deste acto poético serán un grupo de nenas e adultos, todos eles usuarios da Biblioteca Municipal, que lerán poemas da escritora universal padronesa e que farán un percorrido polas obras máis coñecidas da autora.

Cancións como “Campanas de Bastabales” ou “Adeus ríos, adeus fonte…” tamén formarán parte do repertorio que ofrecerán os componentes do grupo musical “Laranxada de Limón” na xornada poético-musical organizada pola Biblioteca Municipal para conmemorar o 178 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, precisamente no ano en que se cumpre o 130 cabodano da súa morte.

24 de febreiro de 2015 | 18:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.