publicidade hoxe

Ponte Caldelas aproba a liquidación do exercicio 2014 cun remanente de máis de 100.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

O alcalde de Ponte Caldelas deu conta hoxe na Comisión Informativa do resultado da liquidación correspondente ao exercicio económico do 2014, que foi aprobada o pasado 11 de febreiro e que se pechou con estabilidade presupostaria e un remanente de tesouraría para gastos xerais superior a 100.000 euros.

De acordo con estes datos o alcalde levará a Pleno unha proposta para utilizar parte dese remanente para financiar unha parte do plan de investimentos previsto no presuposto económico do 2015.

Con esta medida preténdese utilizar unha contía de 77.059 euros para financiar ese plan de investimentos, reducindo así a operación de préstamo prevista para este ano a só 64.400 euros que se realizará coa Caixa de Anticipos da Deputación, para evitarse así pagar intereses.
Con esta medida redúcese aínda máis a débeda do Concello que pasará a estar por debaixo do 35% dos recursos ordinarios do concello, cando o límite está no 75%.

Algo parecido en anos anteriores, aínda que nalgunha ocasión se financiou a totalidade do plan de investimentos municipal con remanente, o que permitiu reducir aínda máis a débeda municipal. Agora os requisitos que esixe a Lei de Estabilidade Presupostaria non permiten utilizar a totalidade do remanente para financiar investimentos polo que o Alcalde optou por facelo parcialmente.

De todos os xeitos Perfecto Rodríguez asegurou “que o nivel de endebedamento do Concello é moi baixo e perfectamente asumible destinando unha pequena parte do presuposto cada ano á súa amortización. O importante é que cada ano poidamos seguir reducindo esa débeda pouco a pouco pero sen renunciar a realizar investimentos, tal e como facemos aquí, xa que o nos últimos anos cando fomos a operacións de préstamo, sempre foron inferiores ao que amortizabamos ese ano, o que nos permitiu manter a solvencia do Concello en todo momento, proba diso é que Ponte Caldelas nunca tivo que acudir ao plan de pagamento a provedores que aprobou o Goberno para os Concellos e as Comunidades Autónomas, pagando sempre as súas facturas nun prazo máximo de 30 días”.

23 de febreiro de 2015 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.