Patricia Martínez e Adrián Esperón proclámanse campións de España por décima vez

Patricia Martínez e Adrián Esperón
Esta pasada fin de semana a bailarina mosense Patricia Martínez e a súa parella, Adrián Esperón, lograron proclamarse novamente campións de España de Baile Deportivo Modalidade 10 Bailes, revalidando o título de campións de España xa por décima vez.
O campionato de España de 10 Bailes celebrouse na cidade de L’Hospitalet do Infants (Tarragona). Con este novo campionato son xa 10 os Campionatos de España logrados por esta parella galega formada pola mosense Martínez e o pontevedrés Esperón.
Dende o Concello de Mos a alcaldesa, Nidia Arévalo, e o edil de Deportes, Isidoro Táboas, quixeron destacar o labor deportivo de Patricia á que consideran un gran orgullo para o municipio de Mos, así coma un verdadeiro exemplo de esforzo e superación.
Campionato de España
Na máxima categoría deste deporte, a parella formada por Patricia Martínez e Adrián Esperón, logrou erixirse unha vez máis vencedora do Campionato de España de 10 Bailes.
Un total de 30 bailes tiveron que realizar en Tarragona para poder lograr este título, ante as mellores parellas de baile de toda España.
Finalmente a mosense e o seu compañeiro revalidaron o seu título de campións de España, sendo esta a décima vez que Patricia e Adrián vencen nun Campionato nacional.
Charla sobre educación e nutrición deportivas
Patricia Martínez participará o vindeiro xoves, día 12 de febreiro, nunha charla sobre educación e nutrición deportivas incluída no ‘Plan Integral Pro Hábitos Saudables’ do Concello de Mos. Esta iniciativa vai dirixida ós nenos e mozos mosenses e ós seus pais e familiares, así coma a todas aquelas persoas intresadas en coñecer cales son os hábitos saudables á hora de levar a cabo prácticas deportivas.
A charla, que se celebrará ás 19.30 horas no Multiusos das Pozas, terá como ponentes a Alejandro Gómez, ex atleta e Subcampión e Record do Mundo de Maratón e actual adestrador de fútbol da Unión Deportiva Mos, e a Delfina Vicente, Psicóloga Deportiva e Nutricionista. Ambos darán unha completa visión do deporte nas idades máis temperás, a alimentación que deben levar os rapaces para poder levar a cabo unha práctica deportiva saudable, e como deben afrontar os pais as aficións deportivas dos seus fillos.
Ademais, esta actividade contará con cinco convidados mosenses de honra: Rubén Blanco, porteiro do Real Club Celta de Vigo, Patricia Martínez, 10 veces Campiona de España de 10 Bailes de Salón e Standard, Susana Alonso, Campiona de España de BTT Maratón, Alicia Davila, Campiona Galega de Natación e Salvador Sío, Campión e Subcampión Galego de Natación Master e monitor de natación na Piscina Municipal de Mos. Tras a exposición de Alejandro Gómez e Delfina Martínez abrirase unha rolda de preguntas a micrófono aberto para que tódolos asistentes que así o desexen poidan dirixirse persoalmente tanto a Alejandro e Delfina como ás cinco estrelas mosenses do deporte convidadas, para facerlles as cuestións que queiran.











