Os xóvenes coruñeses volven cociñar co Concurso Escola Álvaro Cunqueiro “Cociñeiro Junior”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Os nenos e mozos coruñeses de entre 8 e 16 anos volven ser os protagonistas do Concurso Escola Álvaro Cunqueiro ‘Cociñeiro Junior’ Fórum Gastronómico, que chega á súa segunda edición.

Trátase dunha actividade convocada dende a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría, coa colaboración de Fórum Gastronómico e organizada a través dos Centros Cívicos coruñeses no marco do programa Fórum Cidade, que dinamizará A Coruña a través da gastronomía antes e durante a celebración do evento, que se celebrará do 15 ao 17 de marzo.
 
Os participantes no Concurso Escola Álvaro Cunqueiro ‘Cociñeiro Junior’ Fórum Gastronómico cociñarán un prato a base de verduras, un só por concursante, e estarán englobados en dúas categorías segundo a súa idade: entre 8 e 12; e entre 13 e 16 anos. Nunha primeira fase cociñarán eles mesmos nas súas casas e deberán enviar a receita e imaxes da súa elaboración e do prato completado por correo electrónico, ata o venres 20 de febreiro. Un xurado profesional seleccionará 12 participantes por categoría nesta primeira fase, 24 en total, sobre a base da orixinalidade, proceso de elaboración e ingredientes empregados nos pratos.
 
A mañá do sábado 28 de febreiro os 24 seleccionados acudirán á Escola de Hostalaría Álvaro Cunqueiro da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría da Coruña onde explicarán a súa receita e elaborarán 2 receitas inéditas, seguindo as indicacións de profesores da Escola. Pola tarde, terá lugar a terceira fase e final do concurso cando 12 finalistas, 6 por categoría, deberán realizar en directo a receita presentada. Os 3 gañadores en cada categoría recibirán un trofeo e diploma acreditativo. O acto de entrega terá lugar o domingo, 15 de marzo de 2015, ás 16.00 horas no Auditorio do Fórum Gastronómico Coruña 2015. Os 6 gañadores gozarán dunha sesión no Fórum Nenos o domingo 15 de marzo no recinto ExpoCoruña. O taller será impartido por Emil Samper, concursante da segunda edición de Máster Chef España.
 
O resto de actividades do Fórum Cidade presentarase proximamente.  As inscricións para as actividades do Fórum Gastronómico xa están abertas e poden realizarse a través de www.forumcoruna.com. 

3 de febreiro de 2015 | 17:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.