Os Xenerais da Ulla encabezarán o desfile de Entroido con dezaoito comparsas, sete carrozas e nove grupos
Como en cada Entroido, o desfile deste martes será o punto forte do programa festivo de Santiago nestas datas. No percorrido desta tarde polas rúas compostelás participarán 18 comparsas, 7 carrozas, 9 grupos, 13 parellas e 22 disfraces individuais. A comitiva estará encabezada un ano máis polos Xenerais da Ulla. O desfile comezará ás 17:30 horas na Estación do Ferrocarril, seguindo o seguinte itinerario: Romero Donallo, Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo e Senra, para rematar na avenida de Xoán Carlos I. Unha vez rematado o desfile as carrozas aparcarán na avenida de Coruña e as comparsas participantes irán ao paseo central da Alameda.
Os elixidos como gañadores polo xurado repartiranse 16.000 euros en premios. Nas categorías de carrozas e comparsas, os primeiros clasificados levarán 3.500 e 2.400 euros, respectivamente, polos 800 que levará o mellor grupo, os 400 da mellor parella o os 300 do mellor disfrace individual. Ademais, haberá premios especiais para as mellores comparsas procedentes das parroquias e barrios do municipio. Ao remate da entrega de premios, presidida polo alcalde de Santiago, Agustín Hernández, actuará a orquestra Marimba no paseo central da Alameda. A xornada do martes complétase coa animación de rúa da charanga Compostela a partir das 12:00 horas e cun obradoiro de maquillaxe na praza Roxa ás 16:00 horas.











