Os veciños de San Rafael poderán inscribir no Rexistro da Propiedade o resto da superficie
Esta mañá reuníronse no Rexistro da Propiedade de Redondela representantes do Concello de Mos, -Nidia Arévalo, alcaldesa, o secretario e arquitecto municipais e un xurídico-, da Asociación de Veciños San Rafael (Pereiras), e do IGVS (Instituto Galego de Vivenda e Solo) para realizar coa Rexistradora da Propiedade e Notaría o trámite previo á inscrición do resto da superficie dos terreos dos veciños de San Rafael que non constaba nos seus títulos de propiedade.
No seu día o IGVS vendeu os terreos da urbanización de San Rafael ós veciños da mesma, traspasando pola súa banda a superficie correspondente a viais e zonas verdes e comúns ó Concello de Mos. O traspaso de metros cadrados á administración local foi calculado de xeito que se lle cedeu máis superficie da ocupada por vías e áreas comúns, por iso o Concello iniciou fai máis de 5 anos o procedemento para regularizar a inscrición deses terreos sobrantes a nome dos veciños propietarios de vivendas en San Rafael.
A de hoxe foi a primeira reunión de todo este longo proceso na que estiveron presentes todas as partes interesadas e implicadas. Desta xuntanza a rexedora local mosense, Nidia Arévalo, facía un balance “moi positivo, por tratarse dun momento histórico para San Rafael en particular e para o Concello de Mos en xeral, ó chegar á recta final dun trámite no que levábamos tantos anos traballando e que os veciños da zona ansiaban enormemente”.
Os metros a maiores que se escriturarán a nome dos habitantes de San Rafael son anexos ás suas propias vivendas. Na urbanización de San Rafael existen un total de 88 vivendas. Dita superficie entregarase a favor destes particulares que constarán no Rexistro da Propiedade como propietarios dos devanditos terreos.
Unha vez chegado ó fin de todo este trámite, o próximo paso a dar é do da sinatura da acta notarial que lle servirá á Rexistradora da Propiedade para inscribir os terreos a nome dos particulares interesados.
Rematado este procedemento quedará regularizada a situación xeral dos propietarios do barrio de San Rafael, na parroquia mosense de Pereiras. Todo o longo proceso xurídico que toca agora ó seu fin foi necesario para que os veciños de San Rafael puideran normalizar a súa situación patrimonial no que se refire ás súas respectivas propiedades ou vivendas; polo que hoxe é un día de gran importancia e satisfacción para os particulares titulares das preto de 90 vivendas de San Rafael.











