Os sospeitosos da explosión do caixeiro de Tui fuxiron nun coche con matrícula lusa
Dúas persoas sospeitosas de causar a explosión rexistrada na madrugada deste mércores nun caixeiro automático da localidade pontevedresa de Tui fuxiron do lugar nun vehículo con matrícula de Portugal e as forzas de seguridade búscanos no país veciño.
Así o confirmou este mércores o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, que informou de que, tras a explosión, se “viu saír” de lugar a dúas persoas, que fuxiron un “vehículo de matrícula portuguesa”, presumiblemente “cara a Portugal”. Non obstante, o delegado non descartou que poidan estar implicadas “máis persoas”.
Con esta información, a Garda Civil española, que leva a investigación, púxose en contacto coas autoridades policiais portuguesas e ambos os dous realizan a busca destes sospeitosos en Portugal.
Os datos polo momento apuntan a que a acción foi “un roubo”, dado que, tras a explosión, os sospeitosos subtraeron diñeiro do caixeiro. “Roubaron diñeiro, non á cantidade, pero conseguiron roubar diñeiro”, indicou Santiago Villanueva.
A explosión tivo lugar sobre as 4,15 horas deste mércores nun caixeiro dunha oficina de Abanca situada no baixo dunha vivenda unifamiliar do barrio da Estación, na parroquia de Guillarei. Malia os danos materiais, non se rexistraron feridos nin houbo que desaloxar ningunha vivenda.











