Os socialistas de Ordes volven denunciar o pésimo estado da N-550

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrdes
A-
A+
Estrada Mesón

Estrada Mesón

A Agrupación Socialista de Ordes volve denunciar unha vez máis o pésimo estado de conservación que presenta a plataforma da N-550 ao seu paso polo municipio. “Temos denunciado fochancas, a desaparición do firme da estrada en varios tramos, zonas sen pintar e agora resulta que mesmo xurde a auga do medio da estrada. É unha situación vergoñenta que precisa dunha actuación integral xa por parte do Ministerio de Fomento”, denuncia o secretario xeral dos socialistas ordenses, Xesús Pedreira.

O voceiro municipal socialista considera que “a política de parches aplicada por Fomento non está a servir para nada pois a situación de deterioro da plataforma da Nacional é tal que esas medidas non son nin un triste remendo. É preciso unha actuación profunda que nos leve a unha renovación total da plataforma dunha estrada Nacional que cada día que pasa ten máis de corredoira ca de estrada”. Un contexto de deterioro progresivo no que os socialistas ordenses enmarcan a aparición de auga no medio da N-550, na súa entrada á localidade do Mesón do Vento. “Descoñecemos se provén dun manancial ou dun pozo que quedou aló soterrado, pero non é de recibo que de súpeto nunha estrada nacional comece a brotar auga do pouco asfalto que lle queda a esta vía”, apunta Pedreira Mirás, quen solicita o “inmediato arranxo desta situación que, nestes tempos de xeadas, pode supoñer un serio risco para a seguridade dos condutores”.

Por iso, o PSOE de Ordes insta ao Ministerio de Fomento a acometer unha renovación da plataforma da N-550 e, puntualmente, o arranxo do tramo no Mesón do Vento onde comezou a manar auga. Pedreira advirte de que “o abandono desta estrada está a supoñer unha merma das condicións de seguridade dos condutores, polo que é preciso actuar canto antes para evitar calquera desgraza”.

10 de febreiro de 2015 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.